EDUCACIÓN

O barrio das Fontiñas estrea planetario no marco das actividades programadas pola Escola de Verán 2012

12/07/2012 As actividades programadas polo Concello de Santiago dentro do proxecto Escola de Verán 2012 seguen a traer novas propostas lúdicas e educativas para os máis pequenos. Así, o barrio das Fontiñas estreou este mércores 12 de xullo o planetario, un novo espazo onde poden coñecer de preto e resolver todas as súas dúbidas relacionadas coa astronomía e o universo exterior. Este equipamento é facilitado pola Obra Social "La Caixa".

A concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez Iglesias, inaugurou no CEIP Fontiñas esta actividade programada no marco das Escolas de Verán 2012, iniciativa incluída dentro do Programa Municipal de Conciliación do que se están a beneficiar máis de 225 nenos e nenas matriculados entre o 2º ciclo de Educación Infantil e o 3º ciclo de Educación Primaria.

Este planetario estará instalado no CEIP das Fontiñas ata o 23 de xullo e por el pasarán tamén os rapaces que participan nas Escolas de Verán do CEIP Raíña Fabiola e do CEIP Ramón Cabanillas. Despois, o planetario trasladarase ao IES Rosalía de Castro, para que poidan gozar del, ata o 31 de xullo, os participantes da Escola de Verán de Inglés.

Os participantes das Escolas de Verán 2012, cuxas actividades levan en marcha dende o remate do curso escolar e que se alongarán ata o 31 de xullo, xa tiveron a oportunidade de converterse en pequenos científicos grazas a unha serie de actividades en torno ao medio ambiente, a bioloxía e os inventos, ademais de outras propostas como a de obradoiros de cociña, xogos tradicionais ou de auga, nas piscinas instaladas en cada un dos centros educativos da cidade que acollen esta iniciativa.

Compartir: