ALCALDÍA

A cidade acollerá un congreso sobre Rosalía de Castro con motivo do 150 aniversario da publicación de "Cantares Gallegos"

11/07/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, reuniuse en Raxoi co novo equipo directivo da Fundación Rosalía de Castro, encabezado polo seu presidente, Anxo Angueira, e o tesoureiro, Justo Cortizo. O Concello seguirá colaborando con esta entidade, á que achega unha subvención de 4.000 euros.

Ángel Currás amosouse disposto a "colaborar coa Fundación na medida das nosas posibilidades para que se retome toda a actividade da mesma e teña cada vez maior proxección no ámbito da cultura e das letras". O Concello renovará a colaboración institucional coa Fundación achegándolle unha subvención de máis de 4.000 euros.

O rexedor municipal lembrou que "Santiago ten unha presenza importante na Fundación, e Rosalía de Castro está permanentemente presente en Santiago, non só nas rúas, senón tamén no Panteón de Galegos Ilustres onde está soterrada".

Pola súa parte, Anxo Angueira, reafirmou esa vontade de colaboración, que en 2013 se poderá concretar en eventos concretos como os que se preparan con motivo do 150 aniversario publicación de Cantares Gallegos. Neste sentido, anunciou que "con toda seguridade", se celebrará en Santiago un congreso sobre a figura de Rosalía de Castro, cuxos detalles está a perfilar o Consello da Cultura Galega.

Compartir: