DEPORTES

O circuíto "CorreSan" celebra a súa proba nocturna nas rúas do Casco Histórico

05/07/2012 Tras o éxito de participación da primeira carreira de CorreSan, celebrada no Campus Vida, chega a segunda proba das catro previstas, que se celebrará o sábado 14 de xullo no Casco Histórico. A novidade desta carreira é que será nocturna.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou esta segunda carreira do circuíto saudable CorreSan, na que se agarda a participación duns 400 atletas composteláns e doutras partes de Galicia. Poderán vivir unha proba nocturna de pouco máis de catro quilómetros, con saída e chegada na praza da Quintana. Ademais do Casco Histórico, a carreira pasará pola Alameda.

A proba para escolares (alevíns e cadetes), que deberán percorrer 2,2 km, comezará ás 22:00 horas. A saída para os adultos darase ás 22:30 horas. Estes correrán 4,4 km.

O prazo de inscrición para esta segunda proba permanecerá aberto ata o 11 de xullo. As inscricións de adultos (xuvenil en adiante) poderán realizarse na web www.championchipnorte.com ou de forma presencial no Departamento de Deportes do Centro Comercial Compostela (Hipercor- El Corte Inglés), planta baixa, en horario de 10:00 a 22:00 horas.

As inscricións de escolares (alevín a cadetes) poderán realizarse en www.atletismogalego.org ou no correo inscricionsFGAsantiago@gmail.com e son gratuítas.

Compartir: