XUNTA DE GOBERNO

Medio Rural proxecta a renovación da sinalización indicativa das parroquias e a incorporación á mesma dos códigos QR

05/07/2012 A Xunta de Goberno aprobou a solicitude dunha axuda para un novidoso proxecto de renovación da sinalización indicativa das parroquias dor rural compostelán. Tamén se deu o visto bo ao I Plan Municipal de inmigración.

O concelleiro de Medio Rural, Luis Bello, explicou este proxecto, que se pretende incluír na liña de axudas do programa Leader Galicia, polo que se solicita unha axuda ao grupo de desenvolvemento rural Terras de Compostela. A iniciativa denomínase "Posta en valor do patrimonio cultural e etnográfico de núcleos rurais do concello de Santiago de Compostela e mellora e reposición da sinalización vertical". O custo total deste proxecto ascende a 181.562 euros.

"Temos no rural unha sinalización vertical moi deteriorada e en moitos casos inexistente", denunciou o concelleiro. Por iso, e tras falar coas distintas asociacións veciñais, acordouse intentar levar adiante este proxecto, que permitirá colocar novos indicadores en cada unhas das 21 parroquias e en cada un dos 217 lugares nos que estas se dividen.

Nas entradas e saídas de cada parroquia colocaranse uns paneis máis grandes, mentres que en cada lugar se colocarán uns indicadores máis pequenos. O verdadeiramente novidoso, segundo apuntou, é que estes paneis grandes das parroquias incorporarán un código QR, lexible a través de calquera teléfono móbil de última xeración. A través do mesmo poderase así acceder a información sobre esa parroquia e sobre os centros de interese e servizos que ofrece. O edil agarda que esta iniciativa contribúa "ao coñecemento do rural de Santiago, que é moi extenso".

Luis Bello agarda contar coa subvención europea solicitada, que cubrirá unha parte do orzamento. Unha vez se coñeza a cantidade outorgada, o Concello estudaría como financiar o resto do importe, con fondos propios ou coas achegas doutras administracións. Estimou nuns nove meses o prazo que sería necesario para proceder á colocación de toda a sinalización e ao desenvolvemento da aplicación informática con toda a información á que se accedería a través dos códigos QR.

Benestar Social
Por outra parte, na mesma sesión aprobouse o I Plan Municipal de Inmigración. A voceira da Xunta de Goberno e, neste caso, tamén en calidade de concelleira de Benestar Social, Paula Prado, explicou que o Plan se aplicará no período 2012-2015, tendo como obxectivos básicos os seguintes: garantir un dispositivo integral de acollida das persoas inmigrantes, en especial daqueles que se atopen en situación de vulnerabilidade; propiciar a integración social e económica das persoas inmigrantes e impulsar a convivencia cidadá en termos de respecto á diversidade.

Recordou a concelleira que a Unidade de Atención ás Migracións (UAMI) xa fora reforzada en canto a persoal. Agora preténdese unha planificación no tempo, atendendo a cuestións como a aplicación da nova lexislación de estranxeiría. Así, o Plan accións formativas en diversos ámbitos: linguas, tramitación administrativa, formación específica para a solicitude do arraigo, etc. Tamén se abordarán campañas de sensibilización, accións de mediación cultural e un servizo de apoio ao emprego, entre outras.

En 2011, vivían en Santiago 4.149 inmigrantes, observándose un crecemento progresivo deste colectivo nos últimos anos.

Tamén no ámbito desta Concellería, aprobouse a contratación das actividades do proxecto de prevención do deterioro cognitivo. Trátase das accións denominadas "Mente activa", dirixidas ao noso colectivo de maiores. Impartiranse en diversos lugares, como o Centro Sociocultural do Ensanche.

Deportes
A proposta do concelleiro de Deportes, revogouse o convenio asinado no seu día polo Concello coa Fundación Compostela Deportes, por un importe de 29.750 euros. A voceira da Xunta de Goberno explicou que a Fundación, agora en procedemento de embargo xudicial, non xustificara a subvención.

Ademais, deuse o visto bo á contratación do deseño dunha imaxe corporativa para o deporte en Compostela e todas as súas aplicacións. Trátase de "optimizar recursos" e de aglutinar baixo esta icona as diferentes actividades deportivas que se desenvolven no municipio. O custo desta inversión será de 13.688 euros.

Centros Socioculturais
Polo procedemento de urxencia, iniciouse o procedemento de contratación do sistema de climatización dos centros socioculturais para os anos 2012-2016 por importe de 3.776 euros/ano. Paula Prado salientou o aforo de case o 70% que se producirá na contratación deste servizo, que ata o momento viña sendo contratado por separado para os diferentes centros. O importe total reflectido no prego é de 11.400 euros.

Urbanismo
En materia de Urbanismo, acordouse solicitar ao Xurado de expropiación a suspensión do proceso de expropiación de varias parcelas afectadas polas agora suspendidas obras do vieiro de acceso a Formarís.

Ademais, no capítulo de licenzas, a voceira da Xunta de Goberno resaltou a concesión dunha, solicitada pola Consellería de Cultura e Turismo, para a restauración e posta en valor do Camiño Francés ao seu paso por San Paio. Investiranse 100.000 euros nesta actuación.

Documentos relacionados



Compartir: