PLENO

A ampliación dos prazos de devolución do PIE permitirá reducir en máis de 850.000 euros anuais a carga financeira

05/07/2012 O Pleno municipal, reunido en sesión extraordinaria, aprobou o compromiso de garantir o cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e de débeda pública, aceptando a posible imposición polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas de condicións particulares en materia de seguimento e remisión de información, así como, no seu caso, de adopción de medidas de axuste extraordinarias que permitan dita corrección. Este era un requisito para poder solicitar a ampliación dos prazos de devolución, de 60 a 120 mensualidades, da liquidación da participación nos ingresos do Estado (PIE) dos exercicios 2008 e 2009.

A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, explicou que esta posibilidade de ampliación, marcada na Lei de Orzamentos Xerais do Estado, é "unha oportunidade moi boa para aliviar a carga financeira do Concello". A asunción deste compromiso –indicou- era un dos requisitos para solicitar a ampliación, xunto coa de ter presentada a liquidación de 2011 e o Plan de Axuste.

Segundo explicou a edil, a 1 de xaneiro de 2012, a cantidade pendente devolución da liquidación do PIE de 2008 era de 1.537.073 euros, mentres que a de 2009 alcanzaba os 6.354.069 euros. A primeira tiña marcado un prazo de devolución entre xaneiro de 2011 e xaneiro de 2015, mentres que a de 2009 tiña que ser ingresada entre 2012 e 2016.

Coa ampliación de 60 a 120 mensualidades, ou o que é o mesmo, de 5 a 10 anos, o Concello reducirá a carga financeira en 72.163 euros mensuais e en 865.967 euros anuais. Cecilia Sierra salientou o "alivio" que supón esta medida para as arcas municipais, cuxa débeda financeira total ascendía a 63.764.625 euros ao rematar 2011 segundo a liquidación dese exercicio.

A propósito desta medida e tamén do Plan de Axuste, insistiu que este era necesario para asegurar o pago a provedores. Neste sentido, lembrou que, á entrada do novo Goberno municipal, "o período medio de pago era de 10 a 11 meses a grandes provedores e de seis a sete meses para pequenos, mentres que agora se está nos tres a catro e nos dous meses, respectivamente, sendo o noso obxectivo, tal como establece no Plan de Axuste, reducir este período medio ata os 40 días".

A medida saíu adiante cos votos favorables do grupo de Goberno e co pronunciamento negativo dos dous grupos da oposición.

Compartir: