MOBILIDADE

Iníciase a entrega das novas e melloradas tarxetas de estacionamento de residentes

04/07/2012 O concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Albino Vázquez, anunciou o inicio do procedemento de entrega das novas tarxetas de residentes a partir do venres 6 de xullo. Inicialmente está prevista a entrega dunhas 3.900 tarxetas a aqueles usuarios que xa as teñen outorgadas e que, en consecuencia, deberán cambialas. Estas tarxetas, que levan un microchip coa información de identificación do vehículo, facilitarán o control e evitarán as falisificacións.

Albino Vázquez explicou que a entrega destas tarxetas se irá realizando progresivamente, comezando por Pontepedriña, cuxos residentes poden pasar a partir do venres 6 a recoller as súas novas tarxetas ao Departamento de Tráfico, en horario de 9:00 a 13:00 horas. Unicamente fará falta presentar a tarxeta vella e o DNI, sen necesidade de achegar ningunha documentación suplementaria á presentada no seu día e sen custo algún.

Rematado este barrio, no que están previstas unhas 500 tarxetas, iranse publicando nesta web municipal os períodos de recollida para o resto de zonas. Segundo apuntou o edil, a previsión é que no mes de setembro se poida ter rematado este proceso. Será tempo entón de iniciar o procedemento para outorgar as tarxetas por razón de municipio e de lugar de traballo, nas que si haberá que achegar documentación. Aínda que está por definir, anunciou que estas tarxetas terán un prezo aproximado anual de 50 euros.

O control das zonas verdes será realizado por un novo vehículo, a gas, equipado cunha cámara para a lectura de matrículas, e por outros dous vehículos eléctricos de control. Ademais, os axentes de control disporán de dous visores manuais para esta función. Neste sentido, Albino Vázquez indicou que a nova tarxeta permitirá a identificación visual do vehículo, pero que, na realidade, a lectura de datos se pode realizar sen que esta estea visible. Os controis comezarán a realizarse exhaustivamente cando estea rematado o proceso de entrega de tarxetas.

Novos parquímetros
O concelleiro puxo este proceso tamén en relación á posta en marcha en setembro dos novos parquímetros para as zonas azuis, nos que será preciso introducir a matrícula do vehículo. Permitirán varias modalidades de pago e, como novidade a nivel español, apuntou que "será posible que cando un usuario introduza o número da matrícula, a máquina determine se é residente ou non e aplique a tarifa correspondente". Igualmente, a máquina indicará se está cuberto ou non a cota reservada para residentes nesa zona azul.

Anunciou tamén que se está traballando nunha aplicación para que sexa posible que a máquina indique tamén o número de prazas libres nesa área azul. Respecto ao novo sistema de lectura de matrícula para os parquímetros, apuntou que posibilitará unha maior rotación de vehículos naquelas zonas de estacionamento limitado a 60 ou 120 minutos.

Novas zonas verdes e estacionamentos de borde
A propósito deste proceso, o edil afirmou que hai xa outros barrios da cidade que amosaron o seu interese en contar con zonas de estacionamento para residentes. Neste sentido, cre que a limitación de aparcamento para vehículos foráneos implicará unha necesidade de maior utilización dos estacionamentos de borde de Salgueiriños, Santa Marta e San Lázaro. É intención do Departamento potenciar o transporte público nestes espazos.

Compartir: