ALCALDÍA

O alcalde salienta a "ardua e seria investigación" que conduciu á recuperación do Códice Calixtino

04/07/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, expresou "a satisfacción e a alegría" do Concello de Santiago pola aparición do Códice Calixtino. "Se hai un ano viviamos un día triste coa súa desaparición, hoxe estamos moi felices pola detención dos presuntos culpables e, o máis importante, pola aparición dunha xoia de gran valor histórico e estético", apuntou.

Ángel Currás indicou en rolda de prensa que xa transmitira a súa felicitación á Catedral de Santiago, a través do seu deán, á espera de poder falar tamén co arcebispo. Ademais, felicitou ao comisario da Policía Nacional e, moi especialmente, á Brigada de Patrimonio Histórico, encargada das investigacións. Neste sentido, falou dun "traballo arduo, de investigación seria durante doce longos meses", e subliñou que "nestas investigacións, o máis importante é como conclúe"

"O Códice hoxe recuperado leva moito tempo elevado a categoría de símbolo e de razón de ser da Catedral e da propia Compostela", dixo a propósito dun documento, conservado durante oito séculos na Catedral, que "marcou a pauta do culto da Catedral e como primeira guía do peregrino medieval".

O alcalde reiterou a felicitación a "todos os que fixeron posible que o Códice volva ao lugar de onde non debeu saír nunca, o arquivo da Catedral de Santiago". "Este é un día especialmente importante para Compostela e para o Camiño de Santiago, engadiu, por "ter recuperado algo que nos pertence".

Compartir: