MOBILIDADE

Destacados especialistas en mobilidade debaterán en Compostela sobre estacionamentos amables e eficaces

03/07/2012 O Auditorio de Galicia acollerá os días 18 e 19 de outubro o IV Seminario Ibérico de Aparcamentos e Mobilidade Urbana. Os estacionamentos amables ou intelixentes serán o eixe temático destas xornadas, que foron presentadas en rolda de prensa polo concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Albino Vázquez. Estivo acompañado na rolda polo presidente da Asociación Española de Aparcamentos e Garaxes (ASESGA), Jaime López; a comisionada da Associaçao Nacional de Empresas de Parques de Estacionamento (ANEPE) Luísa Folque; e o director do Seminario e vicepresidente de ASESGA, Ramón Llopart.

Apelando á intelixencia emocional, debaterase sobre a necesidade de proxectar estacionamentos cómodos e acolledores, avanzando cara a súa humanización. Pero ademais de aspectos como a estrutura ou o deseño dos aparcadoiros, e a aplicación aos mesmos de novas tecnoloxías, falarase doutras cuestións que afectan a este ámbito, como as novas fórmulas de xestión ou a incidencia da crise económica, segundo explicou Llopart.

O Seminario, que leva por título "Aparcamentos amables para unha mobilidade eficaz", organizarase en torno a diversos debates temáticos e mesas nas que se abordarán todas estas cuestións. En Santiago especialistas nos diversos campos de interese aos que darán cabida estas xornadas. Agárdanse 200 participantes.

Problemáticas comúns
O Seminario Ibérico naceu do entusiasmo de portugueses e españois do sector en 2004 co fin de encher o baleiro congresual propiciado pola bianualidade dos
European Parking Congress organizados pola Asociación Europea de Aparcamentos (EPA). Tratábase tamén de centrarse nas problemáticas máis próximas de ambos países, ás veces moi diferenciada das dalgúns países centroeuropeos. As tres primeiras edicións celebráronse en Porto, Zaragoza e Albufeira.

Pola parte española, a Asociación Española de Aparcamentos e Garaxes (ASESGA) representa a máis de 1.000 empresas do sector. O seu presidente, Jaime López, xustificou a elección de Santiago por tratarse dunha cidade cunha "política adecuada" e con "sentido común" en materia de mobilidade. A nivel xeral, explicou que, neste tema dos estacionamentos, "o éxito é que haxa sitio para aparcar, no que estea cheo". Así, apostou pola "democratización" do aparcamento, buscando a rotación para que "todos teñan acceso, pero non dun modo ilimitado".

Tamén falou do seminario Luísa Folque, en representación da Associaçao Nacional de Empresas de Parques de Estacionamento (ANEPE), para quen é necesario lograr o "equilibrio entre unha cidade amigable e non agresiva para os peóns e unha cidade viva". Puxo como exemplo disto Santiago e expresou o seu desexo de estender o seu modelo a cidades históricas portuguesas como Évora.

Compartir: