PLENO

Aprobado por unanimidade o cambio de uso da reserva de equipamento ocupada pola actual Casa da Xuventude

28/06/2012 Na sesión ordinaria de xuño do Pleno municipal aprobouse por unanimidade dos tres grupos municipais o cambio de uso do solo no que se sitúa a actual Casa da Mocidade. Ademais, deuse conta da liquidación do orzamento do ano 2011.

A Corporación apoiou a modificación de uso da reserva de equipamento sociocultural SC-13 do Plan especial de protección e rehabilitación da Cidade Histórica (PE-1), isto é, a Casa da Mocidade situada na praza do Matadoiro. Desta forma poderá acometerse a derruba deste inmoble, permitindo conectar de novo a Porta do Camiño con Belvís. Esta aposta municipal xa se materializara nunha proposición aprobada nun Pleno anterior en apoio a esta actuación.

Tamén por unanimidade e unha vez resoltas as alegacións, aprobouse definitivamente a Ordenanza reguladora de instalación de ascensores. Esta norma substituirá á vixente para adaptala á Lei de Economía Sostible aprobada polo Goberno Central. Entre as novidades que achega destacan a regulación da ocupación de elementos comúns e tamén a posibilidade de ocupar partes privadas das propias vivendas cando sexa indispensable para a construción dos ascensores, contemplándose para estes supostos a expropiación. Respecto aos espazos libres ou de dominio público, a novidade provén da figura da ocupación, fronte á cesión regulada ata agora.

Ademais, a nova ordenanza solucionará deficiencias da anterior como a non inclusión da área do Plan Especial do Casco Histórico. Finalmente, ábrese a posibilidade de instalación de ascensores para todo tipo de inmobles, non só residenciais.

Un terceiro punto apoiado polos tres grupos municipais foi o estudo de detalle na confluencia das rúas de Domingo García Sabell-costa de San Francisco e Carretas-Entrerríos.

Seguindo con cuestións urbanísticas, aprobouse inicialmente a modificación puntual do PXOM que afecta aos capítulos IV e V da normativa urbanística, así como aos artigos 125.6 e 126.7. Estes cambios afectan a determinados artigos sobre concesión de licenzas e colocación de rótulos en determinados espazos.

Liquidación 2011
Nesta sesión ordinaria tamén se deu conta da liquidación do orzamento do ano 2012, tras ser aprobado o documento o xoves 21 pola Xunta de Goberno. A liquidación municipal 2011 deixou un resultado orzamentario de 6.013.631 euros e un remanente negativo de tesourería de 1.401.111 euros.

Comisión do aeroporto
Finalmente, os tres grupos municipais aprobaron unha proposición presentada polo PSdeG-PSOE solicitando a convocatoria da comisión especial do aeroporto de Lavacolla.

Compartir: