CULTURA

O violinista Enrico Casazzo interpreta a Vivaldi no concerto inaugural do Via Stellae

28/06/2012 O Festival Vía Stellae chega neste ano á súa sétima edición que se celebrará do 2 ao 13 de xullo en diferentes lugares de Santiago de Compostela. En total, serán 20 eventos musicais que comezan co concerto inaugural, o luns 2 de xullo, de La Magnifica Comunità, agrupación que comanda o gran violinista italiano Enrico Casazza. Interpretarán unha coidada escolma de La Cetra, unha colección de concertos de Vivaldi a partir das 20:30 horas, no Teatro Principal.

La Magnifica Comunità naceu como complexo instrumental barroco en 1990. Articula a propia actividade en numerosas formacións que van dende o trío ata a orquestra de cámara, colaborando con solistas vocais, conxuntos corais e directores invitados (Reinhard Goebel e Simone Kermes, entre outros). Ofreceu numerosos concertos en prestixiosas salas, tanto en Italia como no resto do mundo, recibindo unánimes loubanzas de público e crítica. Co "Choc da Musique" recibido polo cuarto volume dos quintetos de Boccherini (Brilliant), La Magnifica Comunità revelouse como unha das formacións camerísticas máis recoñecidas no ámbito internacional. Na actualidade están rexistrando a integral dos Quintetti de Boccherini.

Interpretan, tal e como explica Pablo Queipo de Llano, dúas coleccións de concertos para violín de Antonio Vivaldi, ambas de 12 concertos cada unha, que portan o mesmo título de La Cetra, antigo nome da cítara ou a lira empregado como símbolo mitolóxico dos instrumentos de corda, e aquí certeiramente asociado ao concepto de cetro de poder. O feito de que estean datadas en anos consecutivos –o Opus IX, publicado pola imprenta de Le Cène en 1727, e La Cetra manuscrita en 1728–, e que teñan como mesmo dedicatario ao emperador Carlos VI, suscita certos interrogantes acerca do motivo que impulsou a Vivaldi a duplicar no arco dun só ano a súa ofrenda musical ao emperador.

O caso é que senllas coleccións homónimas son ben diversas –o que acentúa o seu carácter enigmático– posto que tan só comparten o concerto en si menor RV 391 e o movemento conclusivo dos concertos en do maior RV 181a e RV 183. La Cetra manuscrita, entregada seguramente en man polo compositor ao augusto dedicatario, consérvase, en partes separadas autógrafas, na Biblioteca Nacional de Viena coa lamentable perda da parte do violín solista, razón pola cal coñeceu unha difusión moito menor que a da súa "irmá maior". Por fortuna, sete dos doce concertos incompletos de Viena consérvanse noutras fontes que permiten a restitución orixinal das obras.

En calquera caso ambas coleccións constitúen un soberbio florilexio da madura arte concertística vivaldiano, que atopa nestes concertos una das súas cimas máis elegantes e refinadas. La Cetra manuscrita, da que hoxe se ofrecen catro concertos, posúe un carácter máis emblemático que o do Opus IX, pois aglutina algúns dos concertos para violín máis soados e significativos saídos da pluma do Prete Rosso, entre eles o magnífico Il favorito RV 277 en mi menor (núm. 11 da colección, publicado en 1729 como Op. XI núm. 2), cuxo distinguido apelativo responde moi probablemente á predilección do emperador. O fastuoso concerto que, non por casualidade, abre a colección, núm. 1 RV 360 en Si bemol maior, ofrécese hoxe en primicia mundial en tempos modernos, coa reconstrución da parte do violín solista perdida a cargo do autor destas liñas.

As entradas, a 8 euros para este concerto, están xa á venta en Novagaliciabanco e na billeteira do Teatro Principal que permanece aberta no seu horario habitual (de martes a sábado de 18 a 21h) e durante os días do festival, do 2 ao 13 de xullo, terá un horario especial: de 16.30h ata a hora de inicio do concerto.

Compartir: