XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica a obra de restauración da fonte de San Roque

28/06/2012 A Xunta de Goberno municipal, na súa sesión ordinaria, adxudicou a obra de restauración da fonte de San Roque, así como do cruceiro de Casas Novas. Tamén se solicitou unha subvención para instalar máquinas de exercicio biosaudable nas parroquias do rural.

Coa restauración da fonte continúase o labor de recuperación da praciña de San Roque que está a realizar o Concello, que xa comezara co arranxo do buzón e coa retirada da cabina telefónica situados neste espazo. As obras na fonte, adxudicadas por 18.691 euros, permitirán repoñer elementos perdidos hai anos e que volva a botar auga. Se ben o prazo de execución é de tres meses, a Concellaría de Urbanismo intentará que este tempo se reduza para que a fonte poida estar lista para a celebración do San Roque, o 16 de agosto.

Tamén se adxudicaron, neste caso por 8.295 euros, as obras de restauración do cruceiro das Casas Novas. Este perdera hai tempo a súa cruz polo impacto dun vehículo. Ademais, a base fora desprazada, constituíndo mesmo un problema de seguridade que os veciños do barrio. Este é un cruceiro declarado Ben de Interese Cultural (BIC).En breve tamén se acometerá o traslado e reparación do cruceiro de Pardaces de Arriba, na Peregrina.

Medio Rural
Outro dos asuntos tratados foi a solicitude de participación do Concello de Santiago na liña de axudas do programa Leader Galicia 2007-2013 cun proxecto titulado "Creación dunha rede de espazos biosaudables nas parroquias de Santiago de Compostela". Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, solicítase unha subvención por 55.084 euros para instalar tres máquinas de exercicio biosaudable en cada unha das 21 parroquias do rural compostelán.

Benestar Social
A proposta da concelleira de Familia e Benestar Social, aprobouse a proposta de convenio coa Escola Universitaria de Traballo Social para a realización de prácticas dos seus alumnos en dependencias municipais.

Seguindo co tema das prácticas, deuse o visto bo a outro acordo, neste caso coa Xerencia da Área Sanitaria de Santiago para que alumnos residentes da Unidade de Psiquiatría poidan realizar prácticas na Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD).

Deportes
En materia de Deportes, autorizouse a utilización gratuíta do Estadio de San Lázaro para a celebración do Torneo Internacional Compostela Cup do 2 ao 8 de xullo. Ademais, aprobouse o convenio entre o Concello e a Federación Galega de Atletismo para o desenvolvemento do I Circuíto de carreiras saudables CorreSAN. A primeira das probas realizarase o sábado 30 de xuño no Campus Vida.

Medio Ambiente
O Goberno local aprobou a prórroga por tres meses do servizo de organización e realización de actividades de educación ambiental no parque de Belvís e no Centro de Interpretación do Medio Rural, por un importe de 13.561 euros.

Ademais, aprobouse a sinatura dun protocolo de colaboración entre o Concello e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia para o intercambio de información procedente das redes de observación ambiental de ambas administracións.

Limpeza Viaria
Ratificouse igualmente a revisión de prezos do contrato para a xestión por concesión administrativa do servizo de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria. Sendo o IPC entre decembro de 2010 e decembro de 2011 dun 2,40%, queda un canon de 7.941.095 euros para 2012.

Alugueres
Finalmente, aprobouse a prórroga dos contratos de aluguer de dous locais da rúa Presidente Salvador Allende que son utilizados como oficinas municipais: no primeiro, o importe é de 5.651 euros para 2012 e a prórroga de 2011, e de 4.728 euros para 2013, ata o 14 de xuño; no segundo, o importe alcanza os 6.237 euros para 2012 e prórroga do 2011, e os 5.219 euros para 2013, ata a mesma data. Paula Prado explicou que en ambos casos se negociou cos propietarios para que manter os prezos e non subir o IPC.

Compartir: