DEPORTES

Santiago acolle as finais das categorías de base do fútbol-7 de Galicia

28/06/2012 Os campos de fútbol de San Lázaro e das Cancelas acollerán o domingo 1 de xullo as finais das categorías alevín, benxamín e prebenxamín do fútbol-7 de Galicia. Tras superar as diversas fases sectoriais, equipos das catro provincias participan nesta xornada, que pretende ser unha festa do fútbol base galego. A competición será retransmitida pola segunda canle da Televisión de Galicia.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, e o delegado en Santiago da Federación Galega de Fútbol, Enrique Fernández Otero, presentaron esta competición, cuxas semifinais se disputarán no campo das Cancelas durante a xornada de mañá. Xa pola tarde, San Lázaro acollerá as finais en cada categoría.

Participarán os seguintes equipos:

- Alevín: Montañeros C.F. (A Coruña), R.C. Deportivo (A Coruña), R.C. Celta (Vigo) e U.D Santa Mariña (Vigo).
- Benxamín: S.D. Villestro (Santiago), C.D. Calasanz (A Coruña), R.C. Celta (Vigo) e Pabellón C.F. (Ourense).
- Prebenxamín: Victoria C.F. (A Coruña), Orillamar S.D. (A Coruña), Pabellón C.F. (Ourense) e Salgueiriños C.F. (Pontevedra).

O evento será aproveitado tamén para render unha pequena homenaxe á selección masculina sub-18 de Galicia, que recentemente se proclamou subcampiona de España, e á selección feminina sub-12, que rematou terceira no campionato español de seleccións autonómicas da categoría. As homenaxes e a entrega de premios rematarán a tempo para que os rapaces e as súas familias poidan chegar a tempo para ver a final da Eurocopa.

Compartir: