ALCALDÍA

Inaugurada a nova sede do Centro de Linguas Modernas no Campus Vida

27/06/2012 A Casa dos Catedráticos, no Campus Vida, acolle dende o segundo cuadrimestre do presente curso académico as dependencias administrativas do Centro de Linguas Modernas da USC (CLM). A inauguración oficial do novo espazo tivo lugar nesta xornada coa participación alcalde compostelán, Ángel Currás; o reitor da USC, Juan Casares Long; o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet; a directora do centro, Katerina Vlasakova; e a xerenta da USC, Lourdes Batán.

O Centro de Linguas Modernas, antes Instituto de Idiomas, promove dende 1975 a aprendizaxe de linguas entre os membros da comunidade universitaria e persoas alleas á USC que teñan cumpridos 16 anos. Ao longo de todo este tempo converteuse nunha institución de prestixio, ampliando as súas actuacións noutros campos de interese tanto para a USC nos seus Campus como para a cidadanía das urbes onde se empraza.

Das case 1.000 dos inicios, son hoxe preto de 3.000 as persoas que -nunha cifra que se incrementa cada curso- anualmente se matriculan nos seus cursos de 18 linguas diferentes. Español para estranxeiros, galego para non galegofalantes, catalán, italiano, inglés, francés, alemán, finés, xaponés, checo, ruso, chinés, portugués, árabe, eslovaco, grego moderno, húngaro e polaco , todos impartidos por unha trintena de docentes nos cursos regulares ou nos intensivos de verán.

Compartir: