EDUCACIÓN

Máis de 200 nenos e nenas viven un verán lúdico, educativo e conciliador

26/06/2012 A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, visitou os centros educativos onde se está a desenvolver o programa de conciliación familiar e laboral Escolas de Verán 2012, no que están inscritos máis de 225 nenos e nenas. Primeiro achegouse ata o CEIP Fontiñas e logo ao CEIP Ramón Cabanillas e ao CEIP Raíña Fabiola.

As Escolas de Verán abríronse na xornada do luns 25 nos tres centros escolares e prolongaranse ata o 31 de xullo. Incluída no Programa Municipal de Conciliación, esta iniciativa está dirixida a nenos e nenas que cursan entre o 2º ciclo de Educación Infantil e o 3º ciclo de Educación Primaria. Desenvólvese entre as 7:45 e as 15:30 horas.

Os pais podían escoller entre varias opcións temporais: do 25 ao 29 de xuño, todo o mes de xullo, a primeira ou a segunda quincena de xullo, todos os días do programa ou por días soltos. Tamén podían elixir entre as horas de actividades (obradoiros, xogos, deporte...), que se desenvolven de 9:00 a 14:00 horas, ou engadir outros servizos complementarios como o de madrugadores, de 7:45 a 9:00 horas, ou o de comedor, de 14:00 a 15:00 horas.

Rebeca Domínguez apuntou durante a visita que esta iniciativa é "fundamental para a conciliación familiar unha vez rematado o curso". Tamén considerou a súa utilidade para os rapaces, cunha "oferta de ocio combinada coa aprendizaxe na que ademais se fomenta o compañeirismo".

Compartir: