CULTURA

Vinte eventos musicais na sétima edición do Festival Via Stellae

25/06/2012 O Festival Vía Stellae chega neste ano á súa sétima edición, que se celebrará do 2 ao 13 de xullo en diferentes lugares de Santiago de Compostela. En total, serán 20 eventos musicais que terán como eixe central a música antiga e barroca, pero sen esquecer outras épocas e xéneros, prestando unha atención moi especial á música contemporánea e á creación actual, especialmente aos autores da nosa terra. O programa completo foi presentado na Casa do Concello polo alcalde de Santiago, Ángel Currás; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o director xeral de Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero; e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou.

A liña de programación vencellada ao barroco e á música antiga aparece xa no concerto inaugural que se celebrará o luns 2 de xullo, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. Nel teremos a oportunidade de escoitar a La Magnificà Comunità (agrupación que comanda o gran violinista italiano Enrico Casazza) cunha coidada escolma de La Cetra, unha colección de concertos de Vivaldi.

Outras citas imprescindibles do Via Stellae co gran repertorio barroco son a interpretación integral da monumental serie de seis sonatas para violoncello de Bach ou a antoloxía de obras para clave que resume tres séculos de historia deste instrumento, ambas a cargo de dous solistas de reputación e sona internacional como son o cellista Jean-Guihen Queyras e o clavecinista Pierre Hantaï. Serán o 4 e 12 de xullo, respectivamente, ambas no Salón Teatro. A música barroca tamén a poderemos escoitar na presentación do novo trío La Bellemont, o día 6, na Zona "C".

Unha figura tan singular como excepcional na historia da música é a veneciana Barbara Strozzi, a quen dous composteláns, a soprano Mercedes Hernández e o tiorbista Fernando Reyes, dedicarán o seu programa monográfico o 6 de xullo na Igrexa da Universidade.

Ópera barroca, recitais líricos e fusión
Mención especial merece a habitual cita do festival coa ópera barroca, que este ano acollerá a presentación en versión de concerto por primeira vez en Galicia de Rodelinda, regina de’Longobardi, ópera de Haendel que chega da man de Vespres d’Arnadí, o 10 de xullo, no Teatro Principal. Teremos ademais dous recitais líricos, protagonizados por dous recoñecidos especialistas: o contratenor catalán Jordi Domènech (o día 11 no Salón Teatro) e o tenor sevillano Juan Sancho (o 12 na igrexa da Universidade).

Música antiga e world-music conviven no proxecto creativo de Ross Daly, respectado músico irlandés que reside hai 35 anos na illa de Creta e que en Santiago presentará o seu Labyrinth o día 11 na igrexa da Universidade. A fusión e a busca de novas formas de expresión artística e musical é outro dos obxectivos do Via Stellae, e mostra disto son as dúas achegas de diálogo do flamenco e a música barroca. O sevillano Fahmi Alqhai e a súa Accademia del Piacere compartirán escenario no Teatro Principal o 5 de xullo co cantaor flamenco Arcángel nun programa titulado Las idas y las vueltas, mentres que a guitarra barroca de Rafael Bonavita soará na Zona C de Bonaval o 9 de xullo.

Outro proxecto que afonda nas raíces populares da música culta é o programa que transita entre Brasil e Galicia, entre as cancións de Villa-Lobos e Chané ou Montes, coa cantante galega Uxía á cabeza dun conxunto de músicos galegos, portugueses e brasileiros, o 9 de xullo no Teatro Principal.

Cita cos músicos checos e orquestras galegas

Outra singular artista é a exitosa violinista e cantante checa Iva Bittová, que leva 25 anos dedicada ao que ela mesma define como a seu "folclore persoal". Obras propias de Bittová comparten programa coas súas particulares lecturas de Mozart, Purcell, Rodgers e mesmo os Beatles neste seu primeiro concerto en Galicia, o 8 de xullo na igrexa da Universidade, froito da colaboración co Centro Checo de Madrid. Tamén en colaboración co Centro Checo é o debut galego do que probablemente é o músico de jazz checo de maior proxección internacional, Dan Bárta, que visita Santiago acompañado polo Robert Balzar Trío e estarán o 7 de xullo no Principal. Esta achega do festival a outros xéneros musicais e ao tempo á creación musical galega actual, en concreto neste caso ao jazz, enriquécese coa presenza no suxerinte espazo da compostelá Praza de Abastos de dous conxuntos comandados por dous músicos galegos de jazz de contrastada valía, o pianista Alberto Vilas o 8 de xullo e o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo o día 13.

Non falta a habitual e imprescindible presenza das orquestras galegas no cartel do Via Stellae. A Real Filharmonía de Galicia será a encargada de clausurar o festival dirixida por Maximino Zumalave cun programa centrado na figura de Felix Mendelssohn (Soño dunha noite de verán incluído) o venres 13 no Auditorio de Galicia. E Víctor Pablo Pérez dirixirá a Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia cun variado e vistoso programa de "clásicos populares" (Brahms, Bizet, Tchaikovski, Dvorak e Beethoven) o 5 de xullo tamén no Auditorio de Galicia.

Por último, e non por iso menos importante, o festival non esquece prestar unha atención moi especial á música contemporánea e a creación actual, especialmente aos autores da nosa terra. Protagonistas dos concertos do Via Stellae 20/21 (ciclo dedicado á música contemporánea, os clásicos do século XX, as vangardas…) son o Ensemble s21, que interpretará o 3 de xullo no CGAC obras de Compositores na Academia de España en Roma onde hai escasas semanas o compostelán Fernando Buide estreou a súa Elektra (que se poderá escoitar neste concerto) e, co programa A gaita contemporánea, un paso máis, que inclúe a estrea dunha obra de Jesús González, o dúo de gaita e piano formado por Paulo P. e Berta Fresco estarán o día 7 tamén no CGAC.

Puntos de venda e prezos
As entradas poden mercarse dende esta mesma xornada na billeteira do Teatro Principal no seu horario habitual (de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas) e durante os días do festival, do 2 ao 13 de xullo, a billeteira terá un horario especial: de 16:30 h ata a hora de inicio do concerto. Ademais, as entradas para o Teatro Principal, Salón Teatro e Auditorio de Galicia poden mercarse tamén a través de Novagaliciabanco.

Os prezos das entradas son de 8 € para os concertos do Principal (agás o da ópera Rodelinda, que é de 10 €); 6 € para os do Salón Teatro; 4 € para a Praza de Abastos; 3 € para a Zona "C" e 2 € nos concertos do CGAC. No Auditorio de Galicia (que abrirá a billeteira para os seus concertos o día dos mesmos a partir das 18:00 horas) o prezo será de 8 € para a Real Filharmonía de Galicia e 3 € para a Nova da Sinfónica. Os concertos da igrexa da Universidade serán de entrada libre previa retirada de convite na billeteira do Teatro Principal.

Compartir: