TURISMO

Santiago de Compostela promociona a súa gastronomía en Culinae

21/06/2012 O alcalde de Santiago, Ángel Currás, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, participaron en Madrid nunha reunión do Grupo de Cidades Patrimonio co director de Bens Culturais, Arquivos e Bibliotecas, Jesús Prieto, e a subdirectora xeral de Patrimonio Histórico, Ánxeles Alastrué. Na reunión confirmouse que o Ministerio de Cultura manterá a mesma aportación que o ano pasado e que se desenvolverán novos proxectos en colaboración co Ministerio e a UNESCO para conseguir unha maior excelencia das Cidades Patrimonio da Humanidade.

En paralelo a esta reunión de traballo e dentro da estratexia de promoción turística conxunta, o Grupo de Cidades Patrimonio organiza Culinae, un evento gastronómico que ten o obxectivo de amosar o atractivo turístico das trece cidades membros do grupo a máis de cen profesionais do sector turístico madrileño, touroperadores, axentes de viaxes e medios de comunicación.

O Grupo de Cidades Patrimonio pretende intensificar a promoción das cidades ampliando o seu posicionamento. Por iso quere engadirse a gastronomía como un dos atractivos que tamén teñen estas cidades, ademais do seu patrimonio histórico e cultural, recoñecido pola UNESCO co seu título de Cidade Patrimonio da Humanidade. No caso de Santiago, este recoñecemento se concedeu xa no ano 1985.

Culinae celebrarase nesta xornada do xoves 21 a partires das 20:00 horas baixo o lema "13 destinos para saborear". Na presentación inclúese unha degustación dos produtos máis representativos de cada cidade maridados cos viños propios de cada rexión. Santiago escolleu para a ocasión a Tarta de Santiago, unha sobremesa que xa dende o nome identifica a cidade, especialmente no mercado doméstico.

A presentación celebrarase en Unonueve, un espazo multidisciplinar e polivalente adecuado para a presentación de organizacións que queiran proxectar unha imaxe contemporánea e singular. Escolleuse este espazo precisamente porque dende Cidades Patrimonio quere presentarse ás trece cidades como destinos modernos, non ancorados no pasado, que teñen un inmenso patrimonio cultural, pero que teñen tamén un presente vibrante.

En Culinae cada unha das cidades contará cun espazo propio onde os profesionais do sector poderán coñecer non so a oferta gastronómica dos destinos, senón tamén as súas múltiples características.

No caso de Santiago entregarase unha USB con múltiple material promocional de Turismo de Santiago, como a Guía Profesional da Cidade, unha ampla colección de fotos, o vídeo Santiago é Grande e un dossier de prensa no que se recolle a información básica da historia de Santiago, a Catedral, o Camiño, a gastronomía, a arquitectura contemporánea, a Universidade...

Compartir: