XUNTA DE GOBERNO

Ábrese o prazo de solicitude de admisión para o curso 2012-2013 na Escola Infantil Municipal de Salgueiriños

21/06/2012 A Xunta de Goberno aprobou a apertura de prazos e o procedemento de admisión na Escola Infantil Municipal de Salgueiriños. As familias deberán presentar a documentación entre o 22 de xuño e o 9 de xullo, ambos incluídos.

A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, deu conta deste procedemento, que permitirá cubrir as 123 prazas que oferta a Escola Infantil de Salgueiriños. Entre o 22 de xuño e o 9 de xullo, os pais deberán entregar a súa solicitude e a documentación no Rexistro Xeral (Presidente Salvador Allende, 4 - Galeras) ou nos rexistros auxiliares do CERSIA (Alcalde Raimundo López s/n) ou do Centro Sociocultural do Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 14-16 baixo).

Aqueles pais ou representantes legais de nenos e nenas matriculados nas escolas infantís de Conxo e das Fontiñas poderán solicitar o traslado a este centro presentando a correspondente solicitude.

Tamén en materia educativa, o Goberno local adxudicou os contratos das Escolas de Verán, por 29.000 euros, e da Escola de Verán de Inglés, por 38.000 euros.

Rebeca Domínguez aproveitou tamén a rolda de prensa para lanzar unha mensaxe de tranquilidade respecto aos comedores escolares. Aclarou que neste curso as solicitudes se farán ao comezo do mesmo e non ao final do anterior, como sucedía ata agora.

Así se lle explicou ao presidente das ANPAS para que o transmita ás familias. O Concello mesmo aumentou este ano un 15% a partida para cubrir calquera posible aumento de solicitudes de becas. Está previsto conceder prazas para 475 prazas de comedor nos nove centros escolares nos que o Concello xestionará o servizo.

Finalmente, deu conta da aceptación de solicitude de ampliación de horario realizada pola ANPA do CEIP Pío XII para a utilización do centro durante o verán. O horario autorizado de apertura autorizado é de 7:45 ás 15:00 horas.

Benestar Social e Emprego
A voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, deu conta tamén do resto de asuntos da Xunta de Goberno, como o dunha modificación en dúas partidas orzamentarias do departamento que ela mesma dirixe, Benestar Social. Concretamente diminuíu en 12.000 euros a partida de gastos excepcionais das MAPIS (Manutención, Aloxamento, Promoción e Inserción Social) e aumenta a partida de gastos de manutención das mesmas polo mesmo importe.

A propósito da demanda de axudas, a concelleira lembrou que no primeiro trimestre de 2012 medrou nun 44% a atención a usuarios demandantes de servizos sociais respecto ao mesmo trimestre de 2011. Ademais, referiuse ao incremento do número de persoas que non se atreven a ir aos servizos sociais directamente, pero que utilizan os servizos ofrecidos por outras entidades.

No ámbito da mesma Concellería, a Xunta de Goberno aprobou un orzamento de 76.000 euros para a II Feira Internacional de Emprego. Aproveitou para ofrecer algúns datos da recentemente creada web da Axencia Local de Colocación, na cal figura un espazo específico para a Feira. Así, a web conta xa con 22.701 visitas rexistradas e 4.651 demandantes xa se inscribiron na Axencia. En especial, destacou o alto número de inscritos en cada unha das ofertas específicas do Centro Comercial As Cancelas.

Deportes
Finalmente, deuse o visto bo ás bases da convocatoria para a concesión de subvencións para o desenvolvemento de escolas deportivas correspondentes ao primeiro semestre de 2012, cunha dotación orzamentaria de 12.000 €. O prazo de solicitude será de 15 días dende a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Compartir: