CULTURA

Concerto da Orquestra Gaos no Auditorio

20/06/2012 A Orquestra Gaos dará un concerto o martes 26 de xuño no Auditorio de Galicia dentro do ciclo da Concellería de Cultura Novas Orquestras. Dirixidos por Fernando Briones e con André Cebrián, flauta, interpretarán o Concerto caribeño para frauta e orquestra de L. Schifrin e a Sinfonía núm 4 de J. Brahms. As entradas teñen un custo de 3 € e poden mercarse na billeteira do Teatro Principal e na do Auditorio o propio día do concerto. Os abonados do Auditorio poderán asistir de balde, previa retirada do convite nas billeteiras indicadas.

A Orquestra Gaos nace en abril de 2009 formada por músicos de toda Galicia, na súa maioría estudantes e profesores dos principais conservatorios galegos. A súa presentación tivo lugar o 14 de xullo de 2009 no Teatro Colón-Caixa Galicia da Coruña baixo a dirección Fernando L. Briones, director titular da formación.

En apenas dous anos colaboraron coa orquestra 227 músicos galegos en 19 programas diferentes, a través de 30 concertos nos principais auditorios e salas de concerto de Galicia. Participaron como solistas 11 músicos galegos cunha gran traxectoria artística, algúns dos cales xa posúen unha dilatada carreira, como é o caso do barítono Borja Quiza, o clarinetista Antonio Suárez, solista da Gustav Mahler Jugendorchester ou a violista Inés Picado, recentemente nomeada a mellor estudante da Escola Superior de Música Raíña Sofía.

Tamén tivo a oportunidade de acompañar aos gañadores do Concurso Internacional de piano Cidade de Ferrol Alexander Yakovlev e Daniil Tsvetkov nas súas edicións de 2009 e 2010 respectivamente.

Grazas á participación da orquestra na presentación do Xacobeo 2010, comparte escenario coa soprano chilena Cristina Gallardo-Domâs, coa que realiza a súa primeira gravación discográfica: un cd con 14 temas galegos orquestrados por Juan Durán.

En outubro de 2011 comeza a súa terceira tempada realizando unha xira de concertos polas catedrais de Galicia co Concerto de clarinete e a Misa de Réquiem en Re menor de Mozart, obtendo un gran éxito de crítica e público.

Compartir: