FESTAS

A celebración do San Xoán inicia as actividades da nova Coordinadora das Festas Tradicionais do barrio de Conxo

20/06/2012 O concelleiro de Centros Socioculturais e Festas presentou aos medios de comunicación a Coordinadora das Festas Tradicionais de Conxo. Na rolda expuxéronse as liñas básicas de actuación e deuse a coñecer a programación da festa do San Xoán deste ano.

A Coordinadora das Festas Tradicionais de Conxo nace para sumar esforzos e crear canles e espazos de participación, e para dinamizar e fortalecer a vida comunitaria de Conxo. Pártese así do encontro e da vivencia da festa para poder ir artellando outros ámbitos de relación e participación no barrio. Co fin básico, entón, de organizar e levar a cabo as principais festas tradicionais en Conxo, con atención especial ao San Xoán, ao Entroido e ao Magosto, esta coordinadora procura tamén obxectivos fundamentais de dinamización da vida comunitaria.

A Coordinadora está constituída por entidades e colectivos que teñen como ámbito de actuación o barrio de Conxo. Nesta entidade participan actualmente de maneira activa, a Asociación de Veciños Conxo Aberto, a Asociación de Música Tradicional de Conxo, a Asociación Diversidade de Conxo, a Comisión de Festas da Merced de Conxo e o Centro Sociocultural de Conxo.

O punto de partida do traballo desta Coordinadora será a festa do San Xoán, cunha variada programación para a tarde e a noite do 23 de xuño. Así, ás 19:00 horas haberá xogos populares na praza Aurelio Aguirre e, ás 21:00 horas, baile tradicional con As Revoltosas de Conxo. Unha hora despois comezará a sardiñada, amenizada tamén dende as 22:30 horas por un grupo de gaiteiros. E ás 24:00 horas, gran cacharela, na que se queimará a Meiga dos Conxuros das Medras.

O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o propio concelleiro Francisco Noya participarán nesta celebración en Conxo. Así, o edil aproveitou a rolda de prensa para convidar aos veciños e veciñas de Santiago a sumarse a esta festa e ás demais cacharelas e sardiñadas dos diferentes barrios da cidade e do rural.

Xunto a Francisco Noya, participaron no acto celebrado no CSC de Conxo Ricardo de la Iglesia (AA VV Conxo Aberto), Francisco Otero (Asociación Cultural Diversidade de Conxo), Alberto Gómez Losada e José Manuel Núñez (Comisión de Festas da Merced), ademais do técnico municipal Xulio Noya.

Compartir: