BENESTAR SOCIAL

O Concello de Santiago e COGAMI colaboran nun innovador proxecto europeo

19/06/2012 O presidente de COGAMI (Confederación Galega de Persoas coan Discapacidade), Anxo Queiruga, e a concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, asinaron un convenio de colaboración que favorece a posta en marcha dun servizo de préstamo de produtos de apoio de segunda man para persoas con algunha discapacidade ou en situación de dependencia.

A colaboración está enmarcada nun proxecto europeo do Programa Progress, que se desenvolve en Portugal, Francia e España e que está cofinanciado polo Fondo Social Europeo. COGAMI, como socio español no proxecto, debe constituír á súa vez un partenariado local co Concello de Santiago para a posta en marcha dun proxecto piloto que analice a viabilidade dun servizo de asesoramento e préstamo de produtos de apoio de segunda man, entre os que se encontrarían cadeiras de rodas, muletas, guindastres, andadores, camas articuladas e outros que precisan as persoas con mobilidade reducida nas actividades da vida diaria.

O Concello de Santiago comprométese a apoiar o proxecto colaborando na realización dun estudo de necesidades e na difusión do proxecto entre os usuarios potenciais e tamén entre as persoas profesionais do eido sociosanitario.

Este proxecto europeo recibe o nome de Proxi Mamed e, nunha segunda fase, unha vez analizadas as necesidades, pretende poñer en marcha un taller que se encargará de almacenar, reparar e prestar produtos de apoio de segunda man e que daría emprego a persoas do colectivo da discapacidade.

Dende hai tempo, dende a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade veuse detectando a necesidade de que exista un servizo de recollida, reparación, préstamo, aluguer e venda de produtos de apoio de segunda man para as persoas que van perdendo autonomía e que necesitan destas axudas. Este proxecto ofrece a oportunidade de estudar a súa viabilidade, ademais de supoñer unha nova fonte de emprego para as persoas con discapacidade.

A posta en marcha desta iniciativa implicaría tamén unha vantaxe económica tanto para residencias, como para centros de día e de rehabilitación, xa que poderían optimizar o uso dos produtos de apoio que empregan habitualmente e remodelar o seu material reducindo custos. Ademais, suporía a todos ser un pouco máis responsables no coidado do medio ao reciclar os produtos de apoio.

Compartir: