MEDIO AMBIENTE

Medio Ambiente e o IES Xelmírez I realizan un programa educativo medioambiental

19/06/2012 A concelleira de Medio Ambiente, María Castelao, presentou no IES Xelmírez I un proxecto medioambiental que se realiza conxuntamente co devandito centro. Trátase de que os alumnos de 1º da ESO contribúan a coidar as zonas verdes do instituto e unha pequena horta, formándoos no respecto ao medio ambiente.

María Castelao explicou que o Concello achega a materia prima e asesoramento a esta iniciativa, que se enmarca dentro dunha materia impartida aos alumnos no centro. Estes son os encargados de coidar as zonas verdes e unha pequena horta interior do instituto. Así, indicou, os rapaces e rapazas achéganse ao cultivo de hortalizas e, conservando os seus xardíns, "aprenden a valorar as zonas verdes da cidade".

A concelleira tamén resaltou a implicación de rapaces e docentes nesta iniciativa, que os achega á botánica dun xeito lúdico e educativo. O Concello vai estudar a posibilidade de estender a outros centros a experiencia, que tamén permitirá aos escolares visitar o viveiro municipal. Neste sentido, destacou a intención do seu Departamento de potenciar este viveiro, cultivando plantas de temporada que logo chegarán aos xardíns da cidade.

Pola súa parte, o director do IES Xelmírez I, Manuel Portas, incidiu o positivo desta "experiencia ilusionante" nun centro que é xa "histórico" na implantación da educación ambiental. Resaltou a importancia da iniciativa para que os nenos aprendan a "respectar e coidar o medio ambiente".

Compartir: