MEDIO RURAL

O Concello recupera os lavadoiros de Vilar de Outeiro e da Peregrina e acondiciona o campo da festa de Figueiras

18/06/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, acompañado polos concelleiros de Medio Rural, Luis Bello, e de Participación Cidadá, Francisco Noya, visitou os lavadoiros de Vilar de Outeiro-Verdía e da Peregrina, e o campo da festa de Figueiras tras as obras de restauración e reforma realizadas. Nestas tres actuacións, realizadas en contacto directo cos veciños, investíronse 47.300 euros.

As obras foron realizadas no marco dun plan de cooperación cofinanciado polo Concello e a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. O programa permitiu a creación dunha brigada específica de oito operarios para realizar estes traballos. A Xunta financiou os custos de persoal e o Concello o material necesario.

Grazas a este programa puidéronse executar estas tres obras, que "forman parte da recuperación do patrimonio que está espallado polo rural de Santiago", indicou o alcalde. Ademais, destacou que as actuacións foron realizadas en contacto directo cos veciños, aos que se lles explicou o proxecto e aos que se lles consultou para mellorar os proxectos onde fora posible.

Vilar de Outeiro
A recuperación do lavadoiro de Vilar de Outeiro (Verdía) contou cun orzamento de 12.800 euros. Impermeabilizouse o lavadoiro para evitar fugas e creáronse soleiras arredor do mesmo e das superficies de acceso con lousado de pedra de Santiago. Ademais, acondicionouse a área recreativa e realizouse unha ramificación para a baixante da auga, simulando unha fervenza e conservando a pedra nai existente na zona.

No muíño existe levantáronse os muros con pedras da zona repuxéronse os seus elementos. Os veciños participaron activamente neste proxecto, xa que se ocuparon de tellar e limpar o vello muíño, propiedade dos mesmos.

A Peregrina
No caso da Peregrina, investíronse 15.200 euros nunha actuación que permitiu reforzar o teito do lavadoiro e pintar a súa estrutura, colocando ademais pedra de Santiago nas columnas. Rebaixouse a soleira do lavadoiro para facilitar a súa utilización, recolocáronse as lousas de pedra e elimináronse as filtracións de auga.

Para levantar os muros e para repoñer elementos do muíño empregáronse pedras da zona. Os traballos completáronse coa creación de camiños de acceso con lousado, e coa colocación de valados de protección de madeira para evitar caídas ao río. Aproveitouse tamén a actuación para limpar os bordes do río.

Figueiras
En Figueiras realizáronse modificacións importantes no proxecto a partir das achegas dos veciños, investíndose finalmente 19.300 euros. Así, abriuse unha porta de acceso ao campo da festa no muro existente, evitando así que teñan que dar a volta a todo o recinto.

Outra das obras foi a ampliación da parte cementada para facilitar a entrada dos camións das orquestras e incrementar a zona de estacionamento. Tamén se desprazou un poste eléctrico situado no medio do campo e restaurouse a fonte existente. Finalmente, creouse unha zona axardinada para minimizar o impacto visual do muro de formigón.

Documentos relacionados



Compartir: