CULTURA

A irlandesa Sharon Corr debuta en Galicia dentro do ciclo Sons 2012

15/06/2012 A irlandesa Sharon Corr fai o seu debut en Galicia dentro do ciclo Sons 2012. Presenta Dream of you, traballo de música pop-folk celta que poderemos escoitar no Auditorio de Galicia o xoves 21 ás 21:00 horas.

Sharon Corr, irlandesa de Dundalk, formou xunto aos seus irmáns Jim Corr, Caroline Corr e Andrea Corr o exitoso grupo internacional The Corrs que, xunto con U2 e Sinéad O´Connor, foi das propostas musicais irlandesas máis coñecidas mundialmente, con xiras nos cinco continentes. En 2011, Sharon Corr presenta o seu último disco ata a data, Dream of you, así como temas de sempre da súa etapa con The Corrs.

O seu último disco é unha colección de preciosas xemas pop belamente manufacturadas e gravadas en Dublín o pasado ano. Sharon traballou cun amplo e ecléctico espectro de renomeados músicos de música tradicional irlandesa que inclúe a Davy Spillane, John McSherry, Máirtín O´connor e Gerry O´connor, ademais dos seus habituais Anthony Drennan, Keith Duffy e Jason Duffy ás guitarras e batería respectivamente.

O álbum tamén inclúe unha marabillosa colaboración co lendario Jeff Beck no sobrecolledor tema "Mna Na hÉireann". Sharon quixo que o seu violín tivese o papel principal no mesmo. "Foi importante para min manter a influencia irlandesa e o violín, porque é de alí de onde veño", di, "pero quería explorar o violín nun contexto moito máis amplo". Amplamente coñecida en todo o planeta como a violinista, cantante e a voz acompañante en The Corrs, Sharon gozou dun tremendo éxito con 60 millóns de discos vendidos, xiras por estadios de todo o mundo e un incontable número de sinxelos número 1 en todo o mundo.

Tras os seus 15 anos de carreira con The Corrs e o nacemento do seu segundo fillo, Sharon redescubriu o seu amor pola composición e saca o seu primeiro álbum en solitario, Dream of you, no que é a vocalista principal cun puñado de cancións frescas dotadas de tradición irlandesa. Se os éxitos que ela escribiu en The Corrs foron as súas cancións de inocencia, as de Dream of You son cancións baseadas na experiencia. "A xente tende a encasillarte como compositor, violinista, grupo de pop ou músico de rock" di Sharon. "Eu actualmente son un montón de cousas diferentes, pero non teño intención de negar ningunha delas. Teralas todas xuntas neste álbum".

As entradas, a 15 € anticipada e 18 € o día do concerto, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, en Novagaliciabanco e o propio día 21 na billeteira do Auditorio. Con Sharon Corr péchase esta edición de Sons, que volverá con novas músicas despois do verán.

Compartir: