FACENDA

O Concello presenta un orzamento consolidado de 94,3 millóns marcado pola austeridade, o maior gasto social e a priorización dos investimentos

15/06/2012 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, presentou o orzamento municipal de 2012, que será levado ao Pleno para a súa aprobación inicial a vindeira semana. As contas do Concello para este exercicio prevén uns gastos de 89.859.778 euros e uns ingresos de 92.580.508 euros. Son uns orzamentos marcados pola austeridade, o incremento das partidas sociais e a priorización dos investimentos.

Os gastos diminúen 5.368.181 euros (-5,64%) respecto ao exercicio 2011, mentres que os ingresos mingúan en 2.647.461 euros (-2,78%). Así pois, as contas de 2012 apróbanse cun superávit de 2.720.720 euros. Segundo explicou a concelleira, isto faise por que "é importante acollerse canto antes á nova Lei de Economía Sostible, garantindo a sostibilidade financeira no futuro dende o punto de vista do equilibrio financeiro, da estabilidade orzamentaria e do déficit cero".

Neste sentido, tamén recalcou que é necesario "cubrir o remanente negativo de tesourería de 2011, por 1,4 millóns de euros". Pero aínda así, "por primeira vez neste Concello apróbase un orzamento cun superávit maior ao remanente". "Consideramos prudente facelo así para establecer unha base sólida de cara a exercicios futuros, garantindo a viabilidade dos investimentos futuros", engadiu.

O orzamento consolidado –sumadas as sociedades municipais INCOLSA, TUSSA E EMUVISSA e o Auditorio de Galicia- presenta unha previsión de gastos de 94.302.593 euros, isto é 23.382.759 euros menos (-19,87%) que en 2011. Presupóstanse 97.252.073 euros de ingresos, 20.582.205 euros menos (-17,47%) que no anterior exercicio. O superávit alcanzaría os 2.949.479 euros, sumando ao superávit do Concello o previsto por TUSSA de 228.759 euros.

O Auditorio de Galicia terá un orzamento equilibrado (igual en ingresos e gastos) de 2.802.185 euros, polos 1.378.427 euros de INCOLSA e os 2.118.113 euros de EMUVISSA. O orzamento de ingresos de TUSSA será de 1.777.164 euros e o de gastos de 1.548.405 euros.

Gastos
Cecilia Sierra salientou que este é un "orzamento social", cun incremento significativo da partida destinada a esta área, que alcanza os 4,6 millóns de euros. En concreto, duplícase o importe para subvencións nominativas de carácter social e increméntanse tamén as axudas de emerxencia social. "Trátase dun orzamento que trata de protexer aos sectores máis desfavorecidos pola crise económica", indicou.

Este tamén quere ser un "orzamento dinamizador", apuntou a concelleira, coa pretensión de que o Concello sexa "un axente activo para potenciar a actividade económica no municipio", apuntou a edil. Neste eido destacan partidas como a sinatura de convenios para o fomento do turismo e da actividade empresarial por 118.202 euros.

Outro dos eixes das contas 2012 é a eficiencia e a austeridade. Neste tema referiuse a capítulos como o de persoal, cun aforro de 140.802 euros en persoal en órganos de goberno (dedicacións exclusivas) ou de 277.291 euros en gasto de persoal eventual (asesores). Tampouco se dotan no cadro de persoal as catro direccións de área previstas. A redución do capítulo 1 de persoal respecto a 2011 será dun total de 1.233.056 euros (-3-98%), quedando en 29.485.070 euros.

Tamén salientou a diminución de gastos como os de atencións protocolarias en 16.759 euros (-15%), das dietas en 32.859 euros (-64,19%), dos gastos en locomoción en 25.248 euros (-58,47%), dos gastos diversos en 427.641 euros (-57,67%) ou de actividades en 187.931 euros (-8,69%). Ademais, está en marcha un plan de aforro enerxético que prevé un importante aforro.

O Goberno municipal tamén aposta pola "priorización e planificación dos investimentos". Así, neste capítulo, a prioridade deste exercicio pasa pola conservación das infraestruturas existentes e a reposición de vías e beirarrúas, as obras de reparación e mantemento no medo rural, o acondicionamento do parque de Ramírez, o Mercado de Abastos e os proxectos incluídos no POS 2012 e no Urbana.

Garantir o funcionamento dos servizos básicos é outra das liñas marcadas polos orzamentos, actualizando os diferentes contratos existentes. Ademais, poténcianse os servizos mínimos, aumentando, por exemplo, os citados gastos de mantemento, conservación e reparación de vías públicas (209.355 euros), ou dotando o desbroce e limpeza das pistas do rural (150.000 euros). Tamén hai novas partidas para o mantemento da ludoteca de Fontiñas e da escola infantil de Salgueiriños, por 155.943 euros. En total, os gastos do capítulo 2, de bens correntes e servizos, pasan a 32.779.034 euros, 406.546 euros menos que en 2011 (-1,23%).

Respecto ao orzamento de gastos, a concelleira tamén explicou que a caída da inversión real (capítulo 6) ata os 3.787.343 euros, isto é, 4.810.492 euros menos (-55,95%), é debida á caída dos ingresos procedentes doutras administracións públicas e á imposibilidade de acudir ao endebedamento.

Por concellarías, as que incrementan as súas partidas son as de Barrios (de nova creación), Medio Rural, Seguridade Cidadá, Comercio e Benestar Social. O resto, diminúen os seus orzamentos específicos.

Ingresos
En canto aos ingresos, Cecilia Sierra destacou o incremento no capítulo de impostos directos do 8,14%, ata alcanzar os 39.283.599 euros, derivado do aumento do IBI e do IAE. Pola contra, os impostos indirectos permitirán recaudar un 17,54% menos que en 2011, estimando por este concepto 4.695.725 euros. Esta baixada deriva fundamentalmente da diminución do ICIO.

Tamén baixa o recadado por taxas, prezos públicos e outros ingresos, neste caso un 7,58%, cuns ingresos previstos de 18.372.571 euros. Neste caso, a diminución ten unha das súas causas fundamentais na caída de ingresos polas taxas como a do lixo ou a da apertura de establecementos. Medran outras como a de expedición de licenzas urbanísticas, a de ocupación da vía pública con vados ou a de ocupación do solo.

As transferencias correntes quedan en 25.845.637 euros, un 4,39% menos, producíndose una notable caída das subvencións doutras Administracións. Ademais, indicou a edil, por un principio de prudencia non se presupostaron aquelas subvencións cuxa resolución non estea outorgada ou que teña un convenio aínda non asinado. Baixan igualmente os ingresos por enaxenación de investimentos reais e as transferencias de capital.

Plan de Axuste
Estes orzamentos están enmarcados no Plan de Axuste, que marca liñas a seguir na redución de gastos e nunha mellor recadación de ingresos. Así, cuantifica a suba do IBI (2.336.699 euros), a mellora da recadación (100.000 euros), a mellora da inspección tributaria (230.000 euros), o plan de aforro enerxético (180.000 euros) e a redución dos gastos de persoal (350.000 euros).

Nesta mesma liña de racionalizar e conter o gasto, a concelleira anunciou unha nova circular de gasto e unha nova ordenanza de teito de gasto que será levada ao Pleno.

Compartir: