EDUCACIÓN

O Concello aforrará 17.000 euros anuais co traslado de Educación ao edificio CERSIA

13/06/2012 O Concellería de Educación deixa a súa sede da rúa do Vilar e trasládase ao edificio CERSIA, en San Lázaro. Este cambio supón para o Concello un aforro anual de 17.000 euros, ao deixar un inmoble en aluguer para ocupar unhas dependencias de titularidade municipal. Ademais, o Departamento trasládase a unhas instalacións máis amplas e mellor equipadas.

O traslado do Departamento completarase entre esta xornada e a do xoves. A medida enmárcase na política de austeridade e de eliminación de arrendamentos establecida polo Goberno municipal.

Súmase deste xeito a outras decisións semellantes tomadas polo Concello para reducir o número de alugueres e aproveitar os inmobles municipais. Así se actuou no propia Concellería de Economía, centralizando os servizos no edificio CERSIA, ou na Concellería de Centros Socioculturais, non renovando os alugueres dos locais de Guadalupe e de San Pedro, cuxos servizos se prestan agora, respectivamente, nos centros socioculturais de Vite e A Trisca, ou dos dous locais da Almáciga, cunha actividade xa trasladada ao edificio anexo ao CEIP Apóstolo Santiago. A supresión de cada un destes alugueres supón para o Concello aforros de máis de 1.000 euros mensuais.

Compartir: