CULTURA

"Tango", de Sarabela Teatro, e "O retrato de Dorian Grey", de Teatro Arte Livre, pechan a programación de Teatro&Danza

13/06/2012 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou as dúas últimas obras do programa Teatro&Danza antes do verán. Fíxoo acompañado de Fina Calleja e Fernando Dacosta, de Sarabela Teatro, e de Roberto Cordovanie e Bruno Portela, da Compañía Internacional de Teatro Arte Livre. Os primeiros presentaron Tango, que poderemos ver os días 15 e 16 deste mes e, os segundos, O retrato de Dorian Grey, que estará os días 19 e 20.

Tango, de Slawomir Mrozék, é unha das obras máis relevantes do teatro europeo en todo o mundo. Reclama a necesidade dunha nova comprensión dos tempos que vivimos. A acción desenvólvese na casa dunha familia moi particular. A extravagante avoa Lilith e a tía Xena, aparentemente inofensiva, son as representantes da xeración máis vella. O pai, de nome Stomil e a nai, Eleanora, son artistas que pertencen a unha vangarda desaparecida, que se manifesta a favor da liberdade do individuo e que se comporta de xeito descoidadamente "informal". O fillo, Artur, que estuda tres carreiras, e Ala, a súa moza, son os membros máis novos. Prepáranse para casar con toda a "pompa" e crear así unha nova familia. Porén, primeiro Artur cre que ten que ordenar o caos que impera ao seu redor. Tamén habita a casa un misterioso estranxeiro... O drama comeza cando a un certo Hamlet lle dá por ordenar o mundo.

Pola súa banda, O Retrato de Dorian Gray, de Oscar Wilde, revélase actual e rico de contido, envolvendo a busca da perfecta realización sexual e a afirmación dunha arte que vale por si mesma. A espantosa historia dun home que se mantén mozo mentres o seu retrato envellece, mostrando sinais de súa degradación física e moral. Esta obra estreouse orixinalmente en 1991 e agora reestréase mantendo só fiel ao orixinal o decorado, do paisaxista brasileiro xa falecido Roberto Burle Marx e que recibiu o en 1994 o Premio Compostela de Teatro; e a banda sonora, orixinal da obra creada unha boa parte en percusión Afro e mesturada coa música clasica de Mussorgsky.

As entradas, 10 € (6 € no anfiteatro) para Tango e 12 € (9 € no anfiteatro) para O retrato de Dorian Grey, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal. As de ‘Tango’ tamén están á venda en Novagaliciabanco.

Compartir: