INMIGRACIÓN

As mulleres inmigrantes contarán cun punto de encontro

25/04/2006 "Proxecto de Integración Sociocultural de Mulleres Inmigrantes" é a denominación dunha iniciativa que pretende dar unha oportunidade ás mulleres inmigrantes que viven Santiago para atopar un punto de encontro no que tratar diversos temas do seu interese. Así o indicou a concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, na presentación deste proxecto, que desenvolve o Concello de Santiago en colaboración coa Cruz Vermella.

A iniciativa vai dirixida a aquelas mulleres que chegan a Santiago e que teñen que compatibilizar a súa vida laboral e familiar. Grazas a este proxecto poderán atopar un punto de encontro no que estar con xente da súa comunidade e, á súa vez, integrarse no entorno social e cultural no que viven.

Victoria Sánchez, responsable do programa de Inmigrantes de Cruz Vermella, relatou as actividades previstas no proxecto, que en maio consistirán en dar a coñecer ás mulleres inmigrantes os centros socioculturais e os seus recursos. Posteriormente realízanse charlas, excursións e mesmo un magosto. O proxecto contará cunha mediadora cultural, que será unha muller inmigrante.

A Cruz Vermella de Santiago está a traballar na actualidade con máis de 100 mulleres inmigrantes, das que o 60% teñen cargas familiares. Elas serán as principais beneficiarias desta iniciativa integradora.

Compartir: