FUNDACIÓN GRANELL

Un taller achegará aos nenos á obra da artista Joanna Domanska

29/03/2005 O departamento pedagóxico da Fundación Granell organiza para os días 30 e 31 de marzo un obradoiro dirixido aos máis pequenos na sede desta fundación, o Pazo de Bendaña.

Baixo o título "A cidade de papel", estas xornadas tratarán de achegar aos nenos e nenas á obra homónima realizada por Joanna Domanska no formato libro de artista, así como á mostra que nestes momentos se exhibe na Fundación Granell ata o 11 de abril: "A alquimia da viaxe".

O taller pretende o achegamento dos cativos á linguaxe surrealista e á arte en xeral, salientando os valores de respecto e convivencia que abrangue o concepto de cidadanía.

Por outra banda, tamén na Fundación Granell, o venres 1 de abril entre as 10 e as 22.30 horas terá lugar o maratón de lectura "Andersen. Os contos de sempre", co gallo dunha dobre celebración: a conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e o bicentenario do nacemento do escritor.

Compartir: