ALCALDÍA

Concello e Cámara de Comercio queren coñecer os plans de AENA para a vella terminal de Lavacolla

13/06/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, reuniuse co presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey. No encontro falaron sobre diversos temas que afectan á cidade en materia de turismo, urbanismo ou infraestruturas.

Un dos temas da reunión foi o futuro do aeroporto de Lavacolla. En particular, o alcalde e o presidente da Cámara demandarán a AENA que dea a coñecer o resultado do estudo de alternativas para a vella terminal de Lavacolla. Sobre o destino final da mesma, Ángel Currás indicou que o Concello apoiará aquela solución que sexa viable. Neste sentido, Jesús Asorey apuntou que o principal obxectivo é que a vella terminal "sexa operativa e un activo máis do aeroporto".

A propósito da posible solicitude de Ryanair para utilizar a vella terminal, o rexedor municipal anunciou unha reunión para este mesmo mes coa compañía aérea para coñecer os seus plans ao respecto. En calquera caso, recordou, a decisión sobre o futuro da terminal corresponde a AENA

Na reunión tamén se falou de comercio, analizando a situación pola que pasa o sector. Asorey pola "especialización" para poder competir e cre que se debe aproveitar a apertura do novo centro comercial das Cancelas para "atraer máis xente do entorno" a Santiago. Unha das ideas da Cámara, que o alcalde se comprometeu a estudar, é a de facilitar o transporte entre as grandes superficies e as áreas comerciais do Casco Histórico e do Ensanche.

Documentos relacionados



Compartir: