CULTURA E MEDIO AMBIENTE

Os lucenses Holywater protagonizan o concerto de presentación da Romaría Pop

11/06/2012 Holywater, rockeiros lucenses, ofrecen o martes 12 un concerto na Zona "C" co que se presentan a Romaría Pop, que se celebra o sábado 16 de 13:00 a 23:00 horas. O concerto, que comezará ás 21:30 horas, contará tamén coa música bizarre dos lucenses Mullet. As entradas poden mercarse xa na billeteira do Teatro Principal e na Reixa Tenda, ademais de na billeteira da propia Zona "C".

Escoitar un disco de Holywater é como ver un documental de animais salvaxes. Pero non un deses aburridos documentais cunha voz en off que nos leva ao soño, senón máis ben un en verdadeiro 3D, en pantalla xigante e alta definición co que poder observar con todo detalle a axilidade dos movementos dos depredadores, a crueza coa que se lanzan a por as súas vítimas, coa pantalla protexéndonos dunhas vermellas salpicaduras. Un disco que levado ao directo faranos sentir en plena sabana, en metade da carreira do león, e aí si que non teremos protección posible.

A música de Mullet non se rexe por ningún criterio concreto. A música de Mullet non se rexe por ningún criterio abstracto. A música de Mullet non se rexe, a Deus grazas. Tocan todos os paus que se deixan tocar e fan, en definitiva, o que lles vén en gana: o que lles enche e o que lles valeira. Por iso en Mullet non hai roles, so casio. E xúbilo, que nunca falte o xúbilo.

Romaría Pop
O compostelán parque de Belvís acollerá o sábado 16 a Romaría Pop, un novo concepto de xornada musical, organizado por Desconcerto Cultural e o Concello de Santiago. Dándolle unha volta á tradicional romaría estival, a romaría enriquécese co mellor da escena independente galega e repropónse como evento lúdico para públicos variados e oídos esixentes: un día cheo de música, actividades culturais, con entrada totalmente de balde e comida e bebida a bo prezo.

Ata sete das bandas máis excitantes e dispares do panorama galego actuarán na Romaría Pop: a psicodelia de Mequetrefe; a elegancia pop de La Familia; a forza desatada de Músculo!, os debutantes Diadermin, que pronto estrearán disco; a sedutora escuridade de Disco Las Palmeras; a narrativa acústica de Sr. Fluzo! e o exquisito pop sixtie de The Winning Numbers.

Precisamente porque a Romaría Pop se dirixe non só ao melómano santiagués, senón a calquera interesado en gozar do lecer e a cultura nunha xornada ao aire libre, non faltarán durante o día múltiples actividades dirixidas a toda a familia. Talleres musicais infantís, concertos específicos dos grupos participantes cun repertorio exclusivo para a ocasión e actividades de creación de camisetas e divulgación ambiental.

Ás actividades que se desenvolverán durante todo o sábado no Parque de Belvís únense a festa de presentación, que terá lugar, como diciamos, mañá na Zona C e unha festa de despedida o mesmo sábado no Cachán Clube, coa actuación de Alex Casanova e Desconcierto DJ´s.

Compartir: