BENESTAR SOCIAL

Posta a primeira pedra da Casa de Asociacións de Servizos Sociais

25/04/2006 O alcalde de Compostela, X. A. Sánchez Bugallo, acompañado da Concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira, inauguraron a posta en marcha da construción do edificio que servirá para atender as necesidades de todos os composteláns en materia social.

A Casa do Asociacionismo, que se vai construír en Salgueiriños, terá como obxectivo acoller a ONLs de acción social de Santiago de Compostela, é dicir, organizacións non lucrativas relacionadas coas áreas de actuación dos Servizos sociais Municipais.

Este edificio vai ser o centro de referencia para todas as entidades de iniciativa social que colaboran co Departamento de Servizos sociais e aquelas que contribúen á mellora da calidade de vida dos cidadáns de Santiago de Compostela a través da súa acción social. As organizacións usuarias poderán ter distintas formas xurídicas: asociacións, fundacións, federacións...

Na Casa, as asociacións terán á súa disposición un equipamento básico para desenvolver as súas actividades e poñer en marcha proxectos de intervención social.

Ademais dun equipamento, a Casa será un xeito de satisfacer as necesidades sociais da cidadanía de Compostela, xa que desenvolverá un modelo de cooperación intersasociativa que permitirá que as ONLs traballen con maior eficacia e eficiencia. Trátase de ofrecer un mellor servizo á cidadanía de Compostela, especialmente á máis vulnerable. O modelo de cooperación interasociativa promoverá a coordinación permanente e a rentabilización dos recursos sociais.

Na acción social trabállase con distintos colectivos: maiores, nenos e nenas, persoas en risco de exclusión social, persoas en situación de discapacidade...; con distintos enfoques: sensibilización social, prevención, intervención sociosanitaria...; e con distintos axentes: persoal contratado, persoas voluntarias, etcétera.

As ONLs prestan numerosos e distintos servizos aos seus usuarios e usuarias e a toda a cidadanía: información, asesoramento, atención especializada, atención terapéutica, intervención, atención residencial, sensibilización...

Para desenvolver un modelo de intercooperación asociativa vaise empregar unha metodoloxía participativa. Todos os actores terán a oportunidade de enriquecer o proxecto que oriente a concellaría de Benestar Social e que ten previstas as seguintes liñas de actuación:

1.Análise de realidade do tecido asociativo de acción social do Concello de Santiago de Compostela.
2.Formulación proxecto "Casa de Asociacións de Servizos Sociais".
3.Presentación do proxecto "Casa de Asociacións de Servizos sociais".
4.Elaboración do réxime de regulamento interno da Casa.

A Casa vaise construír en Salgueiriños e a superficie útil total do edificio será de 1118.98 m2. foi deseñados seguindo os criterios de funcionalidade, accesibilidade e integración no entorno. Tamén prevé o uso da enerxía solar.

O edificio terá 3 niveis e organizarase en dúas alas.
No nivel 0, no que estará o acceso principal ao edificio, hai unha recepción que separará as dúas alas. Na ala da dereita, as entidades usuarias terán ó seu servizo unha sala de uso polivalente con capacidade para 178 persoas. Na esquerda, haberá un ximnasio, despacho médico, salas de terapia e vestiarios, nos que se situará unha sauna finlandesa.
No nivel 1, na ala dereita, haberá unha aula de formación e cinco despachos. Na esquerda atoparase a biblioteca.
Nos niveis 2 e 3 só haberá ala dereita e terá, en cada nivel, unha aula de formación e cinco despachos.

Compartir: