CONSORCIO

A Escola de Altos Estudos Musicais programa concertos en diferentes lugares de Santiago

11/06/2012 Os alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecerán este días de xuño un ciclo de concertos en diferentes lugares singulares de Santiago. A iniciativa, chamada A Escola na cidade, inclúe un concerto da orquestra de cámara no Teatro Principal e seis concertos de cámara no Hostal dos Reis Católicos, na igrexa da Universidade, no Paraninfo e no Centro Galego de Arte Contemporánea. O ciclo é froito da colaboración entre o Concello e o Consorcio de Santiago, co apoio da USC, o CGAC e o Hostal dos Reis Católicos.

A inauguración correrá a cargo da Orquestra de Cámara da Escola de Altos Estudos Musicais que, baixo a batuta do mestre Maximino Zumalave, interpretará as tres sinfonías que Haydn compuxo en 1761 e que levan o sobrenome de A mañá, O mediodía e A tarde.

Ademais, os días 13, 15, 19 e 20 de xuño haberá concertos de cámara, nos que os alumnos agrúpanse en cuartetos e quintetos para interpretar un amplo repertorio, tanto clásico como contemporáneo, en lugares singulares da cidade. En total, tocaranse 17 pezas.

A entrada ao concerto do Teatro Principal supón unha achega voluntaria de 3, 5 ou 10 euros. A entrada aos concertos de cámara será libre, aínda que tamén se poderá realizar unha achega voluntaria de 3 euros. Toda a recadación será destinada á Cociña Económica de Santiago.

A Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia é un centro de educación musical xestionado polo Consorcio de Santiago para a formación e perfeccionamento de futuros profesionais galegos da música clásica, así como a organización de diferentes actividades de divulgación musical. Dende o pasado ano 2011, imparte o Curso Avanzado de Práctica Orquestral, recoñecido oficialmente como estudo de posgrao, con título propio expedido pola Universidade de Santiago. Os músicos da Real Filharmonía de Galicia son profesores na Escola, de modo que orquestra e escola forman un proxecto conxunto, único no territorio español, ao estilo das "academias de orquestra", máis frecuentes no ámbito saxón.

Documentos relacionados



Compartir: