DEPORTES

Salgueiriños acollerá o circuíto urbano da Xira Galega de Karting do 15 ao 19 de xuño

08/06/2012 A Xira Galega de Karting chega de novo a Compostela para ofrecer a posibilidade de pilotar un kart a través dun circuíto urbano preparado especialmente para a ocasión no aparcadoiro de Salgueiriños. O Concello de Santiago facilitará que uns 500 escolares poidan subirse a estes pequenos vehículos de forma gratuíta.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou esta Xira Galega de Karting, que estará instalada no aparcadoiro de Salgueiriños entre o venres 15 e o martes 19 de xuño. Os escolares de Santiago poderán gozar dunha sesión completa de pilotaxe completamente de balde nun horario reservado de 10:00 a 14:00 horas o venres, o luns e o martes. Para os demais interesados, o horario oficial será de 12:00 a 14:00 horas, o sábado e o domingo, e de 17:00 a 22:00 horas polas tardes.

Os nenos a partir de 8 anos ou 1,35 m de altura disporán de seis karts infantís con sistema de seguridade a distancia, grazas ao cal o director de carreira pode desacelerar manualmente calquera coche na pista. Os adultos terán á súa disposición seis karts con motores potentes e elásticos, doados de conducir. Como novidade, haberá tamén un kart bipraza para os máis pequenos que aínda non poden conducir.

A tarifa estándar é de 7 euros para nenos e 10 euros para adultos, cunha duración de manga de aproximadamente cinco minutos. Hai tarifas con desconto dende 3,5 euros neno e 5 euros adulto. Ademais, é posible acceder a descontos a través do Facebook de Estrella Galicia 0,0 e de Coca Cola-Begano, do Carné Xove, das invitacións da OMIX ou do carné de familia numerosa. Os supermercados Gadis de Santiago repartirán invitacións e vales desconto entre os seus clientes.

A actividade está promovida, ademais de polo Concello, pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, e as empresas privadas Gadis, Éstrella Galicia 0,0, Begano Coca-Cola, La Caixa, El Corte Inglés, Aqualogy, Unika e Aucasa. Así, acompañaron a Adrián Varela na presentación do evento Raquel González, directora da Xira; Antonio Cortés, de Gadis, e Iago Campos, de Estrella Galicia.

Compartir: