CULTURA

Godoy debuta en Galicia con "Verás que todo es mentira" dentro do ciclo Falabaratos

07/06/2012 O humorista uruguaio Godoy debuta en Galicia dentro do ciclo Falabaratos, monólogos, contos e outros shows co seu espectáculo Verás que todo es mentira. Será o venres 8 de xuño, a partir das 21:00 horas, no Teatro Principal. As entradas, a 12 € butaca, platea e primeira planta; 10 € na segunda planta; e 8 € no anfiteatro, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal e en Novagaliciabanco Con Godoy péchase esta edición do ciclo, polo que pasaron xa no que vai de ano David Amor, Quico Cadaval, Sergio Pazos, Luis Piedrahita, Pepo Suevos e Oswaldo Digón.

Godoy é un actor uruguaio que comeza en España a súa actividade artística, tanto en teatro como en TV en Madrid a finais de 1968. En 1974 establécese en Barcelona, onde comeza a traballar en solitario. Destaca polo seu humor pouco convencional, fino e intelixente, con ribetes surrealistas.

En 1992 estrea no teatro Malic de Barcelona o espectáculo Con el culo al aire. En febreiro de 1995 presenta no Teatro do Centro da cidade de Montevideo, en compañía de Raúl Montero, Humor e tango. Dende entón estreou varios espectáculos nos que é tanto autor como interprete.

O último deles, Verás que todo es mentira, en colaboración con Andreu Buenafuente e Berto Romeu, é presentado así polo propio Godoy: "Verás que todo es mentira é unha charla na que, entre a ficción e a realidade transcorre a vida, é dicir, a estupidez, a felicidade, a morte, o sexo, deus, a relixión, a familia. Como di Macbeth, ‘a vida non é máis que un gran conto narrado por un idiota, cheo de ruído, cheo de furia…’. E, nese ruído, nesa furia, xogan un papel fundamental a imaxinación, a invención, a ficción e a fantasía; nunha palabra, ‘a mentira’ (Vedes? Non é verdade, son dúas palabras). Queridos meus, mintan, que é moi bo, sobre todo para a saúde mental. Un abrazo e que vostedes mintan ben".

Compartir: