CURTOCIRCUÍTO’06

Remata a recepción de guións para Curtocircuíto 2006

25/04/2006 O venres 28 de abril péchase o prazo para a recepción de guións para participar no Compostela Plató, o concurso estatal de guións para curtas de ficción do III Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, Curtocircuíto’06

Compostela Plató é un concurso de guións cuxo premio é a produción completa dunha curta de ficción a partir do texto gañador. A curta rodarase na primeira semana de xuño, empregando como singular plató a cidade de Santiago de Compostela. O guionista gañador dirixirá o seu propio traballo, que se estreará, a escala internacional, o día 21 de outubro, na gala de clausura de Curtocircuíto’06.

A curta Quérote mal, producida por Curtocircuíto, tras resultar o seu guión gañador do Compostela Plató 2005, recibiu varios premios no que vai de ano, desque se rodou o pasado verán en Compostela. A cinta, de Mireia Giró, foi recoñecida con 18 premios en varios certames por todo o territorio estatal, competindo con grande parte da produción audiovisual estatal de 2005.

Ademais do Compostela Plató, Curtocircuíto’06 conta cun concurso de curtametraxes e un concurso de micromovies, de ámbito internacional. O prazo de inscrición deste permanecerá aberto ata o 30 de xuño.

Curtocircuíto’06 é unha iniciativa da Santiago de Compostela Film Commission, xestionada por Ficción Producciones, apoiada polo Concello de Santiago e patrocinada pola Deputación da Coruña e a Fundación Caixa Galicia.

Direcciones relacionadas



Compartir: