XUNTA DE GOBERNO

Vía libre á solicitude de licenzas para o solo residencial de Romero Donallo

07/06/2012 A Xunta de Goberno aprobou definitivamente o proxecto de compensación do SUP-1 de Romero Donallo. Deste xeito, os promotores deste solo residencial privado poden xa comezar a solicitar as correspondentes licenzas para construír as 200 vivendas e demais espazos previstos.

A concelleira de Urbanismo, María Pardo, valorou que ao fin se poida comezar a construír neste solo residencial, que xa figuraba no anterior Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU). Este espazo permitirá integrar definitivamente o Ensanche cos barrios de Conxo e Cornes, tanto funcionalmente como esteticamente, xa que os novos edificios cubrirán as traseiras dos inmobles que teñen o seu fronte na rúa Rosalía de Castro.

Este polígono ten unha superficie de 30.138 metros cadrados e permitirá a construción 200 vivendas libres nos 5.493 metros cadrados reservados a este fin. Levantaranse tres torres de ata nove plantas e cinco edificios dun máximo de seis plantas.

Incluirá unha pequena superficie comercial, dúas prazas públicas, 4.400 metros cadrados de áreas axardinadas e outros tres parques públicos de 1.549, 1.315 e 782 metros cadrados. O deseño deste polígono é obra do arquitecto César Coll.

Benestar Social e Educación
Na mesma Xunta de Goberno aprobouse o convenio a subscribir coa Consellería de Cultura e Educación para o financiamento dos comedores escolares de nove centros educativos de Santiago. A Xunta achegará 60.000 euros a estes comedores, que xestionará o Concello.

En relación tamén aos comedores, aprobouse a convocatoria para a concesión de bolsas para o alumnado dos centros docentes públicos e privados concertados de educación infantil (segundo ciclo) e de educación primaria obrigatoria do Concello para o curso 2012-2013. Haberá bolsas mensuais dun máximo de 80 euros e, para os casos nos que o custo non alcance esta cantidade, dun máximo do 80% do custo. Tamén existen unhas bolsas de conciliación de ata 40 euros ao mes.

O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no BOP. O importe destinado a esta convocatoria é de 70.000 €, dos cales 28.000 euros irán con cargo á partida de 2012 e 42.000 euros á de 2013.

Seguindo no ámbito de Benestar Social, deuse conta da tramitación por parte da Consellería de Benestar dun anticipo do 50% correspondente á cantidade total financiada no 2011 segundo a normativa que regula os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento. Esta tramitación supón un importe de 115.252 euros.

Barrios
Outro dos acordos foi a solicitude dun novo convenio coa Deputación Provincial da Coruña para establecer os termos de financiamento das obras de rehabilitación da Casa de Brandía para centro sociocultural en Vidán, 2ª fase. De aceptarse, obteríanse 189.692 euros para cofinanciar esta obra.

Educación
A proposta a concelleira de Educación, aprobáronse as listas de admisión e de espera nas escolas infantís municipais de Conxo e das Fontiñas para o curso 2012-2013. Tamén se deu o visto bo ás listas de agarda.

Infraestruturas
En materia de Infraestruturas, autorizouse a execución das obras de mellora nas interseccións próximas ao Centro Comercial As Cancelas. O proxecto, presentado pola concelleira María Castelao en rolda de prensa esta mesma semana, circunscríbese á intersección mediante glorietas da avenida de Xoán Paulo II coas rúas das Cancelas, de Mallou de Abaixo, do Doiro e do 25 de xullo; e á intersección da avenida de Rodríguez de Viguri coa avenida do Camiño Francés.

Compartir: