RÉXIME INTERIOR, EDUCACIÓN E PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Os composteláns están convidados a coñecer o seu Concello na Xornada de Portas Abertas

06/06/2012 Os concelleiros de Educación, Rebeca Domínguez; Participación Cidadá, Francisco Noya; e Réxime Interior, Amelia González, presentaron unha nova edición da Xornada de Portas Abertas. Celebrarase o venres 8 de xuño, data na que calquera cidadán poderá visitar o Concello entre as 9:30 e as 20:00 horas e coñecer as súas dependencias e funcionamento.

Amelia González lembrou que o 15 de xuño de 1977 se celebraran en España as primeiras eleccións lexislativas democráticas dende as últimas da Segunda República. 35 anos despois desa data, o Concello convida de novo a cidadáns e escolares a coñecer a Administración municipal por dentro.

A mañá do 8 de xuño estará especialmente destinada aos escolares, que participarán en visitas guiadas polo Concello e mesmo serán saudados polo alcalde, Ángel Currás. Segundo indicou Rebeca Domínguez, pasarán por Raxoi uns 400 nenos e nenas de seis centros educativos: Colexio San Pelayo, Colexio Vilas Alborada, CEIP Roxos Villestro, CEIP Vite, CEIP López Ferreiro e Colexio A Inmaculada.

En canto aos veciños, dispoñen de toda a xornada para visitar o Concello, se ben Francisco Noya estimou que pasarán preferentemente pola tarde. Remitíuselles convites a todas as asociacións veciñais, pero estendeu a invitación a calquera cidadán ou cidadá.

Compartir: