CENTROS SOCIOCULTURAIS

O programa Compostela Cine Classics pecha a súa exitosa primeira edición cun concerto vocal de versións de música de cine

06/06/2012 Compostela Cine Classics’12 chega ao seu fin cun concerto vocal moi especial, con música de cine, que se celebrará o sábado 9 de xuño, ás 20:00 horas, na igrexa da Universidade (praza de Mazarelos). O grupo Remata así unha primeira edición do ciclo marcada pola alta participación, xerando incluso novos usuarios dos centros socioculturais.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, fixo balance do ciclo e presentou o concerto de clausura. Un grupo vocal de 15 persoas, creado especialmente para a ocasión e con cantantes de recoñecido talento na música vocal en Galicia e fóra de Galicia, realizarán un concerto de versións de músicas míticas da historia do cine e doutras pezas máis actuais que moi pronto serán clásicos.

Este grupo vocal leva o nome do ciclo, Compostela Cine Classics, e leva tres meses ensaiando para este concerto, segundo apuntou Diego Vázquez, do Departamento de Centros Socioculturais. Destacou a calidade dos intérpretes e a variedade de pezas que cantarán no concerto, que van dende clásicos de Disney ata unha canción dun filme de Pedro Almodóvar.

O concerto terá un carácter didáctico e participativo e estará presentado pola colaboradora do ciclo Alejandra Juno, que introducirá cada unha das pezas musicais. Haberá algún convidado especial e varias sorpresas.

Alta participación
En canto ao balance do ciclo, Francisco Noya expresou a súa satisfacción pola acollida desta primeira edición na que, a falta do concerto, participaron 819 persoas. Ás proxeccións máis aos cafés con cine asistiron 540 persoas, outras 99 participaron nos Classicfaladoiros e 40 formáronse nos dous obradoiros programados (20 en cada curso).

Para o concelleiro, o ciclo cumpriu co obxectivo de introducir o cine na programación da rede de centros socioculturais, contribuíndo a crear novos públicos e a captar novos usuarios, de diversas idades, dos centros socioculturais. Destacou a dinámica participativa, con longos e animados debates tras cada proxección, ao que sen dúbida contribuíu o nivel dos colaboradores invitados cada semana.

O programa tivo unha presenza salientable nas redes sociais e xerou tamén unha dinámica de colaboración con outras entidades, entre as que o concelleiro citou o Consorcio Audiovisual de Galicia, a Rede CeMIT ou a Universidade de Santiago. Finalmente, subliñou que o programa, que contou con case 20 actividades durante 11 semanas, tivo un custo de só 3.500 euros.

Festas do Apóstolo
Preguntado pola posible actuación en Santiago de Julio Iglesias, Francisco Noya apuntou que esta é "unha opción entre outras, pero aínda non hai nada pechado". O que si quixo destacar é que o Goberno municipal quere dar ás próximas Festas do Apóstolo "maior proxección internacional". Malia a redución do orzamento para a celebración, indicou que se fará "un esforzo de xestión e chegaremos ata onde poidamos chegar".

Compartir: