ECONOMÍA

O Mercado de Abastos protagoniza o curso "Uso e valor do deseño nas empresas"

05/06/2012 A concelleira de Economía e Mercados, Reyes Leis, presentou o seminario gratuíto Uso e valor do deseño nas empresas, que se celebrará o 28 de xuño no edificio CERSIA, dentro do programa municipal Santiago Investors Support. A concelleira estivo acompañada da xerente do Mercado de Abastos, Marta Rey, e da responsable do servizo de Economía do Concello, Carme Casado.

En todas as empresas se toman decisións de deseño. En todas hai unha marca, unha papelería, un produto, un envase, unha páxina web, unhas oficinas... Alguén decidiu cómo facer todo isto. Fíxose deseño. A cuestión é ¿fíxose ben?. O seminario Uso e valor do deseño na empresa vai encamiñado a entender que é o deseño e como xestionalo, para optimizar e potenciar os recursos da empresa.

No seminario, ademais dos conceptos teóricos que se impartirán, haberá un caso práctico no que se contará coa colaboración do Mercado de Abastos. O alumnado do curso formulará propostas de accións de mellora no uso do deseño no Mercado. A proposta mellor valorada será agasallada cunha cesta de produtos cedida polo propio Mercado.

O Seminario diríxese a empresarios, persoas emprendedoras e traballadores en activo do tecido empresarial de Compostela que queiran coñecer cómo aportar valor a súa iniciativa empresarial ou aos seus traballos a través da incorporación do deseño.

A inscrición nos cursos é gratuíta. Farase por orde de solicitude dentro dos colectivos preferentes para o curso. Se as persoas solicitantes destes colectivos non cobren as prazas ofertadas, abrirase a asistencia a persoas doutros grupos. A inscrición pode facerse a través da web da Concellería, www.maiscompostela.org.

Compartir: