ALCALDÍA

Listo o convenio entre Concello e Consellería de Educación para o financiamento do servizo de comedor escolar

05/06/2012 O alcalde compostelán, Ángel Curras, reuniuse en Raxoi co conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez. No encontro, entre outros asuntos, falouse da inminente sinatura dun convenio para o financiamento do servizo de comedor nos centros educativos composteláns para o curso 2012-2013.

Ángel Currás explicou que xa está redactado o convenio e que este se asinará nos vindeiros días co fin de que o Concello poida licitar xa o servizo de comedor para nove centros escolares. A Xunta achegará unha subvención e será o Concello o que se siga encargando da xestión. Os centros que se beneficiarán do servizo son: CEIP Apóstolo Santiago, CEIP Cardeal Quiroga Palacios, CEIP As Fontiñas, CEIP Roxos Villestro, CEIP Vite, CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, CEIP Monte dos Postes, CEIP Raíña Fabiola e CEIP Ramón Cabanillas.

Outro dos temas da reunión foi a inminente cesión, no vindeiro Pleno municipal, da parcela de Santa Marta na que se construirá a nova Escola Oficial de Idiomas. "Confiamos en que o vindeiro ano estea en construción", indicou o alcalde. Neste sentido, o conselleiro confirmou que "se tratará de licitar o proxecto básico e de execución para avanzar cara a licitación en 2013" dunha Escola que "dará cobertura a medio e longo prazo á demanda de Santiago".

O rexedor municipal agradeceu a colaboración da Consellería de Educación en diversos ámbitos, que abranguen tamén o Consorcio de Santiago. Así, no encontro tamén se falou da apertura do Museo da Cidade e das Peregrinacións e do futuro Centro Estatal de Formación en Rehabilitación.

Compartir: