INFRAESTRUTURAS

Unha glorieta permitirá eliminar os semáforos de tráfico na intersección do Camiño Francés con Rodríguez de Viguri

04/06/2012 A mediados do mes de xuño comezarán as obras das dúas glorietas previstas no entorno do futuro Centro Comercial As Cancelas: unha que unirá a intersección do Camiño Francés con Rodríguez de Viguri e outra que regulará a confluencia do tráfico das rúas Xoán Paulo II, Cancelas, Doiro e 25 de xullo.

A concelleira de Obras, Infraestruturas e Medio Ambiente, María Castelao, explicou as características destas tres obras, que son froito do acordo ao que chegou o Concello cos promotores do centro comercial para mellorar as condicións de mobilidade na zona ante a apertura da superficie e tamén ante futuros desenvolvementos urbanísticos nesta área. Estas melloras plasmáranse nun convenio asinado o 8 de febreiro.

O orzamento da primeira das glorietas suporá un investimento de execución de 382.267 euros e a segunda 65.916 euros. Sumado o IVE e o beneficio industrial, o investimento total nestas dúas actuacións, asumido polos promotores do centro comercial, alcanzará os 538.480 euros. O prazo de execución previsto inicialmente era de seis meses, pero quedará finalmente nos catro meses, e ambas glorietas estarán listas para a apertura da superficie comercial, prevista para o outono de 2012.

María Castelao indicou que as dúas glorietas se executarán en paralelo e que se intentará que as obras afecten o menor posible ao tráfico, mantendo sempre aberto algún carril de circulación en cada sentido. O proxecto destas dúas obras e a autorización das mesmas serán aprobados na Xunta de Goberno do xoves 7 de xuño.

Maior fluidez de circulación
A glorieta na intersección da avenida do Camiño Francés coa avenida de Rodríguez de Viguri permitirá eliminar toda a rede semafórica de tráfico, coa intención de quea circulación gañe en fluidez nesta zona. Unicamente haberá semáforos reguladores do paso de peóns nos puntos onde está contemplado.

Ademais dos dous carrís por sentido que confluirán na glorieta, construiranse dous carrís adicionais. Un permitirá acceder directamente dende Rodríguez de Viguri ao Camiño Francés e ao seu paso inferior sen entrar na glorieta, dando á vez servizo aos edificios que quedan á man dereita. O outro permitirá aos vehículos procedentes do centro comercial saír directamente a Rodríguez de Viguri (en dirección San Caetano), tamén sen entrar na rotonda.

Confluencia de cinco vieiros
A outra glorieta facilitará a circulación nunha zona onde conflúen cinco vieiros e agora sen regulación máis alá de cedas ao paso. Na rotonda xuntarase o tráfico procedente da rúa das Cancelas, da avenida de Xoán Paulo II, da rúa do 25 de xullo e da rúa do Doiro.

Grazas á nova infraestrutura facilitarase a saída do estacionamento do centro comercial. Ademais e mediante unha semiglorieta contigua á principal e un ceda ao paso permitirase, por un lado, o acceso dos vehículos procedentes de Xoán Paulo II cara 25 de xullo e, polo outro, a saída dos vehículos procedentes desta última rúa para incorporarse a Doiro ou á glorieta principal.

Compartir: