CULTURA

Orquesta Voland presenta "Oito pezas europeas" dentro de Sons’2012

01/06/2012 Orquesta Voland presenta Oito pezas europeas dentro do ciclo Sons’2012 o domingo 3 de xuño, ás 21:00 horas, no Teatro Principal. Dirixidos por Roberto Somoza ofrecen este proxecto artístico que mestura música e literatura con textos de Kinito Mourelle.

O proxecto Orquestra Voland está concibido como un cruzamento artístico entre música e literatura, cristalizado nun formato de libro-disco. Aínda que ambos os universos se deron a man desde as súas primeiras manifestacións (as óperas ou os poemas sinfónicos son dous claros exemplos), o encontro que aquí se propón difire bastante do uso máis estendido desa relación e pretende atraer, ademais, non só ao público potencial dese tipo de obras híbridas senón tamén ao que busca o goce de literatura e música por separado. Nese sentido, a parte creativa do proxecto está encabezada por dous artistas que teñen o seu propio público (un como músico e o outro como novelista) e que, por tanto, poden sumar no canto de dividir á hora de difundir a obra e chegar ao gran público.

A parte musical de Orquesta Voland comprende unha viaxe a través de varios países europeos (Bulgaria, Romanía, Moldavia, Ucraína, Polonia, Alemaña, Francia e España) tendo como punto de partida as súas raíces folclóricas. As melodías e os ritmos elixidos para as composicións implican un alto grao de destreza interpretativa e, con todo, garanten unha fácil comprensión e goce por parte do público. Ao poderoso atractivo da música únese a vistosidade dunha formación variada e pouco usual: unha sección de catro clarinetes, un saxo tenor, un acordeón, un violín, un contrabaixo, unha guitarra e percusión. Outro valor engadido desta proposta musical é a súa localización fronteiriza entre o folk e o jazz, resultando finalmente outro motivo importante á hora de sumar públicos e de estar presente, como espectáculo, en festivais de moi diferente condición.

A obra literaria que acompaña á gravación tamén é, en orixe, unha amálgama entre a novela e o conto. De feito, podería definirse como unha novela curta na que se intercalaron oito contos. A historia narra as peripecias dun grupo de músicos e as relacións que se dan entre eles durante unha xira en microbús. Cada conto ten como escenario algún do oito países que o grupo visita, aínda que non pretenden ser unha guía ilustrada de viaxe senón tan só o pretexto para a narración dunha novela moderna que non perde o seu sentido se prescindimos da música que a acompaña. Os protagonistas deses contos son membros da Orquesta Voland e personaxes que aparecen ao longo da viaxe, utilizando para iso diferentes puntos de vista que ramifican o tronco da narración central. Os contos correspóndense coas oito composicións musicais e achégannos ao espírito deses países fuxindo dos tópicos dos libros de viaxes e incidindo, en cambio, nunha visión máis introspectiva e persoal.

O nome Voland é unha homenaxe ao personaxe homónimo da novela O mestre e Margarita, do soado escritor ucraíno Mijaíl Bulgákov.

As entradas para este concerto, 6 € anticipada e 10 € o día do espectáculo, poden mercarse en Novagaliciabanco ou na billeteira do Teatro Principal, que está aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. Despois da Orquesta Voland, estarán en Sons’2012 a segunda das Noites do Fado con Ana Lains, o 9 de xuño, e pechará o ciclo Sharon Corr o día 21.

Compartir: