XULGADOS

Santiago pode contar con xulgado e rexistro do mercantil este mesmo ano

25/04/2006 Santiago pode contar este mesmo ano 2006 cun xulgado mixto que entenderá dos temas do mercantil, segundo anunciaron o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luís Méndez Romeu, trala súa xuntanza no Pazo de Raxoi. Ademais, o Departamento autonómico tramitará en breve a solicitude para que comece a funcionar canto antes o rexistro mercantil.

O oitavo xulgado asumirá así tanto os temas do mercantil como os de primeira instancia, xa previstos. Esta solución foi cualificada por Sánchez Bugallo e Méndez Romeu como a mellor solución á vista do número de casos mercantís que se xeran ó ano en Santiago, a penas 57, que fai menos viable a creación dunha nova sala.

O alcalde compostelán expresou a súa satisfacción ante as dúas propostas e indicou que se trata de "dous servizos que responden tanto ás demandas dos cidadáns de Santiago e do seu entorno como ó rango da cidade". Neste sentido, o Conselleiro apuntou que se trataba dunha reclamación xusta e que en breve o seu Departamento fará a correspondente proposta ó Ministerio de Xustiza, tanto no relativo ó xulgado coma ó rexistro mercantil.

Direcciones relacionadas



Compartir: