CULTURA

Cultura presenta unha nova páxina web máis visual, funcional, accesible e con gran presenza das redes sociais

30/05/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio, José Víctor Carou, presentaron a nova páxina web da Concellaría de Cultura. A nova web,necesaria polo grande avance que sufriron as novas tecnoloxías nos últimos seis anos (que eran os que tiña a súa predecesora), é moito máis visual, funcional, con acceso multidireccional, accesible en diversos dispositivos e con gran presenza das redes sociais. Ademais, ofrece a posibilidade de buscar a información á carta, de recibir un newsletter tamén personalizadas, de crear pdf’s coa selección elixida e unha sala de prensa para facilitar o traballo dos profesionais da comunicación.

O novo website Compostela Capital Cultural, www.compostelacapitalcultural.org, foi proxectado como o gran portal de información cultural do Concello de Santiago, unha canle comunicacional con vocación de servizo público cuxo desenvolvemento –seis anos despois da posta en marcha do seu predecesor– facía case obrigado un enfoque máis profundo na súa concepción e unha reorientación integral cara a obxectivos máis ambiciosos e máis acordes coa vertixinosa evolución tecnolóxica e social experimentada ao longo destes anos. Tomando como punto de partida esta premisa, traballouse sobre distintos eixos de actuación ate lograr o resultado presentado.

Re-evolución visual: Co obxectivo de facilitar aos usuarios e usuarias a asimilación de toda a información ofrecida, o novo portal conta cunha importante transformación estética da que emana unha enorme potencia visual. Paralelamente, re-modernízanse cores, iconografías, imaxes, audiovisuais, tipografías, botóns ou banners, que, percibidos no seu conxunto, subliñan en maior medida a contemporaneidade de Compostela, Capital Cultural.

Deseño funcional: No desenvolvemento do novo website apostouse por un deseño funcional no que a organización e estruturación interna de todos os seus contidos son presentados de xeito que a navegabilidade responda aos criterios de simplicidade, axilidade e eficacia esixidos polo conxunto de usuarios e usuarias. A funcionalidade da web permite a súa correcta visualización noutros soportes (dispositivos móbiles, tablets...).

Acceso multidireccional: Os usuarios e usuarias do website poderá acceder aos diferentes contidos seguindo distintas rutas: por orde cronolóxica (axenda); por eventos salientables (destacados); por ciclos, programas ou espazos concretos (banners), ou por preferencias temáticas e/ou de axenda (buscador). A partir desta selección, terán acceso a un primeiro nivel de información que é ampliada pormenorizadamente nun segundo nivel informativo, se así o desexan.

Configuración dunha programación á carta: O uso combinado dunha extensa base de datos cun potente buscador, posibilitan na práctica que os usuarios e usuarias teñan acceso, se así o desexan, a unha programación á carta, confeccionada en función dos seus intereses e da súa axenda.

Integración en redes sociais: A nova web tamén participa das redes sociais, o que permite aos usuarios e usuarias non só canalizar e compartir como desexen os contidos que lles son de interese, senón tamén participar da actividade desenvolvida por Compostela Capital Cultural nas distintas redes nas que está presente.

Novos servizos: O novo website ofrece complementariamente servizos específicos como:
· Relacións de pdf para selección de axenda ou evento concreto
· Subscrición a boletín xeral ou boletíns temáticos
· Sala de prensa, con recursos específicos para os profesionais dos medios de comunicación

Independencia de dispositivos
O Concello de Santiago aposta pola democratización do acceso aos contidos web, polo que emprega formatos estándar establecidos polo W3C e segue as directrices xeradas polo WAI. Así, a información, servizos e aplicacións da web municipal están dispoñibles para o usuario independentemente do soporte electrónico que este empregue para a súa consulta.

A web, independente de dispositivos, implica entre outras as seguintes vantaxes:
· Permite consultar a información a través de calquera soporte: ordenador, teléfono móbil, PDA, navegadores especiais para persoas con discapacidade visual...
· Os contidos móstranse máis claros e estruturados
· Posibilidade de acceso cunha calidade variable de conexión á rede

Hoxe, os internautas agardan ter sempre a información ao seu dispor, independentemente do lugar, momento do día ou mecanismo de acceso. Ante esta demanda, os autores dos contidos teñen desenvolvido información accesible desde calquera dispositivo, co fin de reducir esforzos e custos.

Para acadar a devandita independencia de dispositivo emprégase unha linguaxe con etiquetas estándar que funcionen nunha ampla gama de soportes. O deseño da web realizouse para que fose compatible co maior número de dispositivos posible. Estas tarefas forman parte dun proceso de mellora continuado que atende aos últimos avances tecnolóxicos.

Así, o novo portal cumpre cos requisitos de accesibilidade segundo os medidores XHTML e CSS 2.1, así como as normas T.A.W. (prioridade 1) e as W.A.I. De igual xeito –ao estar programado o aspecto visual como texto e non como imaxe– o novo website está preparado para o acceso de persoas con discapacidade visual a través dos navegadores empregados habitualmente con este tipo de discapacidade.

Compartir: