ALCALDÍA

O Pen Club de Galicia informou ao alcalde compostelán dos preparativos da IV Bienal Literaria Internacional

29/05/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu en Raxoi o presidente do Pen Club de Galicia, Luís González Tosar, quen lle explicou os preparativos da IV Bienal Literaria Internacional. Este evento, que se celebrará na Cidade da Cultura e noutros lugares de Santiago, levará por título "Compostela, de pedra e de palabra".

A IV Bienal Literaria Internacional servirá para achegar literaturas de Europa coas que Galicia a penas mantivo vínculos ata o momento, como as de Bosnia-Herzegovina, Polonia, Flandes, Suíza, Hungría, Noruega ou Escocia, entre outras. No marco das actividades, este colectivo ten previsto a participación de escritores, xornalistas, críticos, profesores, editores e demais axentes que participan na escritura creativa, na industria do libro e na promoción da lectura.

O Pen Club, institución de carácter consultivo para asuntos literarios da ONU e da UNESCO, foi fundado pola escritora inglesa Amy Dawson Scott en 1921 en Londres. A sección galega, presidida por Luís González Tosar, data de abril de 1989.

Compartir: