MEDIO AMBIENTE E URBANISMO

Aberta a inscrición no Concurso de Balcóns

29/05/2012 Dende hoxe martes, 29 de maio, e ata o 6 de xuño, permanecerá aberto o prazo para inscribirse no IV Concurso de Balcóns, convocado polas concellarías de Medio Ambiente e de Urbanismo e que, neste edición, ábrese por primeira vez a todo o termo municipal. O xurado e o público elixirán os mellores balcóns do Casco Histórico, do resto do municipio e tamén dos establecementos hostaleiros.

Os interesados deben inscribirse na dirección de correo electrónico medioambiente@santiagodecompostela.gal ou a través do Centro de Interpretación de Parques da Alameda. As bases estarán colgadas nesta páxina web.

Do 8 ao 30 de xuño, os balcóns participantes deberán exhibir o distintivo que os identificará como participantes. O xurado valorará os distintos balcóns entre o 9 e o 11 de xullo, pero tamén o público poderá emitir os seus votos, do 2 ao 7 de xullo, a través do espazo específico creado nesta páxina web, no que se exhibirán as fotografías dos balcóns a concurso.

Os premios, patrocinados pola concesionaria do mantemento de parques e xardíns, Cespa, outorgaranse en tres categorías: Casco Histórico, resto do termo municipal e establecementos comerciais e hostaleiros. Cada unha delas contará cun primeiro premio valorado en 175 euros, cun segundo de 100 euros e co premio do público, valorado tamén en 100 euros.

O xurado estará integrado polas concelleiras de Cidade Histórica e de Medio Ambiente, e por dous técnicos de cada un destes departamentos. Valoraranse aspectos como o estado de conservación, a orixinalidade, a harmonía no crecemento das plantas, a combinación de cores...

Compartir: