CULTURA E MEDIO AMBIENTE

Música e actividades diversas na Romaría Pop, un novo concepto de Festival, o 16 de xuño no parque de Belvís

28/05/2012 O parque de Belvís é o lugar elixido para celebrar a Romaría Pop, un novo concepto de festival que presentaron a concelleira de Medio Ambiente e Parques e Xardíns, María Castelao; o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou; e Álvaro Álvarez, de Desconcierto Cultural, organizadores do evento. Será o sábado 16 de xuño, desde as 13:00 ata as 23:00 horas e, ademais de música, haberá diversas actividades para que sexa unha xornada lúdica para toda a familia.

Dándolle unha volta á tradicional romaría estival, a Romaría Pop enriquécese co mellor da escena independente galega e repropónse como evento lúdico para públicos variados e oídos esixentes: un día cheo de música, actividades culturais, comida e bebida, con entrada totalmente de balde.

Como en todas as actividades organizadas pola asociación Desconcerto Cultural, a música é o máis importante: ata sete das bandas máis excitantes e dispares do panorama galego actuarán en Romaría Pop: a psicodelia de Mequetrefe; a elegancia pop de La Familia; a forza desatada de Músculo!, os debutantes Diadermin, que pronto estrearán disco; a sedutora escuridade de Disco Las Palmeras; a narrativa acústica de Sr. Fluzo! e o exquisito pop sixtie de The Winning Numbers. Variedade e calidade, en concertos que se espaciarán comodamente ao longo da xornada, nun horario diúrno adaptado a todos os públicos.

Precisamente porque a Romaría Pop se dirixe non só ao melómano santiagués, senón a calquera interesado en gozar do lecer e a cultura nunha xornada ao aire libre, non faltarán durante o día múltiples actividades dirixidas a toda a familia. Para os máis pequenos haberá talleres musicais infantís, concertos específicos dos grupos participantes cun repertorio exclusivo para a ocasión e actividades de creación de camisetas e divulgación ambiental. Pequenos e maiores poderán ademais esculcar entre concertos nas presentacións culturais e os postos de venda dispostos para a ocasión, gozar da ambientación musical ou achegarse ás barras de comida e bebida repartidas polo parque.

A idea xeral detrás do evento é, pois, celebrar unha romaría popular nun sentido contemporáneo da expresión: un espazo recreativo urbano no que se desenvolve unha xornada festiva de convivencia entre veciños, coa cultura como elemento de dinamización e cohesión social.

Ás actividades que se desenvolverán durante todo o sábado no parque de Belvís únense a festa de presentación, que terá lugar na Zona C de Santiago o martes 12 de xuño cos concertos dos grupos Holywater e Mullet, e unha festa de despedida o mesmo sábado no Cachán Clube, coa actuación de Alex Casanova.

Compartir: