XUNTA DE GOBERNO

As solicitudes de cacharelas para a noite de San Xoán poden entregarse ata o 15 de xuño

28/05/2012 A Xunta de Goberno aprobou as normas de seguridade e de xestión de permisos para as cacharelas en espazos públicos e privados na noite San Xoán. O prazo de solicitude destas fogueiras estará aberto ata as 14:00 horas do 15 de xuño.

As persoas, organizacións ou comunidades deben presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello, sinalando o nome, enderezo, teléfono e fotocopia do DNI dos responsables da organización ou comunidade, así como todos os datos que constan no modelo de solicitude. As persoas responsables teñen que ser maiores de idade.

A solicitude debe ir acompañada dun plano de situación do lugar onde se situará a cacharela, así como da situación de todos os elementos. Os organizadores deberán coidar os arredores e coñecer o número de teléfono dos Bombeiros (080). Ao finalizar a cacharela e antes de abandonar o lugar da mesma, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas. Ademais, deberase limpar inmediatamente o espazo autorizado ao remate da actividade.

Límites, prohibicións e horario
En canto ás características das cacharelas, na zona urbana o volume de combustible non superará os seis metros de perímetro nin un metro de altura. No caso do rural, o volume máximo será tres metros de diámetro e a altura máxima tres metros.

A separación entre fogueiras e edificios e árbores será como mínimo de 12 metros, excepto no caso urbano. Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.

Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites e, en xeral, de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se botarán ao lume recipientes con líquidos inflamables ou gases a presión, aínda que estean baleiros.

No suposto de que a cacharela se faga sobre terreos de uso público enlousados, os organizados encargarase de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros. Finalmente, prohíbese a colocación de pancartas que non estean expresamente autorizadas.

A hora límite para rematar a celebración é as 3:30 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no Decreto da Xunta de Galicia para celebración de festas e romarías populares.

Benestar Social
En material de Benestar Social aprobouse a desafectación dunha vivenda do programa de acollemento temporal en vivendas municipais e autorización de uso gratuíto, en precario, do piso planta baixa, letra E, da rúa Roma nº 5, a favor de Cáritas Interparroquial, para o desenvolvemento do programa Abeiro. Segundo explicou Paula Prado, este é unha iniciativa destinada a familias monoparentais con fillos menores de 18 anos, co fin de favorecer a súa inserción ou continuidade no mercado laboral. A cesión faise por un ano, prorrogable anualmente ata un máximo de catro exercicios.

Tamén no ámbito desta Concellería, aprobouse a actividade Bule-Proxecto, de exercicio físico e psicosocial para persoas con enfermidades do ril. O Concello destinará 1.000 euros neste 2012 e a mesma cantidade en 2013.

Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a adxudicación do servizo do programa municipal de intervención sociocomunitaria, máis coñecido como Educación de Rúa, por importe de 7.495 euros ao mes.

Persoal
A proposta da concelleira de Persoal, deuse o visto bo a convenio de colaboración en materia de formación entre a Academia Galega de Seguridade Pública e o Concello de Santiago para a formación da Policía Local. Estes cursos están incluídos no Plan de Formación Continua do Concello, que ten a facultade de homologalos directamente.

Centros Socioculturais e Festas
Finalmente, aprobouse a solicitude de participación do Concello na programación da rede cultural da Deputación da Coruña para 2012, demandando a correspondente subvención. Contémplanse programas de música e teatro para grupos non profesionais e de teatro e títeres para compañías profesionais, un ciclo de música para intérpretes profesionais e un programa para compañías de danza e outras actividades. A Deputación subvencionaría un 40% do custo das actividades e o Concello o restante 60%. Deste xeito, a Deputación achegaría 12.566 euros e o Concello 31.416 euros.

Compartir: