MOBILIDADE

O Concello de Santiago estuda a implantación da figura dos auxiliares de tráfico e de pasos peonís máis seguros

28/05/2012 O concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez, participou no Parlamento galego na Comisión non permanente de estudo da seguridade viaria en Galicia. Na mesma deu conta das medidas que se están tomando en Santiago nesta materia.

Tras facer un repaso das principais cifras de mobilidade e seguridade en Santiago, o concelleiro apuntou que a aposta municipal neste tema pasa por unha mobilidade "segura, sostible e sen exclusións sociais". Neste sentido, explicou a "xerarquización" trazada na estrutura de mobilidade, dando prioridade, por esta orde, a peóns, transporte público e medios brandos por diante dos vehículos privados.

Albino Vázquez recoñeceu as dificultades que en materia de infraestruturas supón avanzar nesta orde de prioridades, pola propia estrutura da cidade e polas infraestruturas acometidas no pasado, realizadas para "cumprir as expectativas do vehículos privado", con "graves consecuencias para a mobilidade peonil" e "abandono dos medios brandos". A este respecto, referiuse á existencia de unicamente 400 metros de carril bici na cidade.

Para contrarrestar esta situación, o Concello vén traballando en diferentes alternativas de mellora da mobilidade, seguindo as directrices marcadas polo Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Así, en materia de transporte público, citou medidas que se están a estudar, como que ningunha parada de autobús urbano no ámbito do Casco Histórico careza de abrigo. Esta medida, xunto coa reordenación das liñas xa realizada e as melloras informativas ten o obxectivo de "facer máis atractivo" o transporte público.

En materia de seguridade, citou a posibilidade de instalar pasos de peóns asimétricos, coa intención de minimizar o número de atropelos e a gravidade das lesións nos mesmos. Estes permitirían adiantar a barra de detección, freando os vehículos como mínimo a dous metros do lugar do paso peonil. Mediante uns balados obrígase ao peón a pasar por un lugar seguro e mellórase a visibilidade dos condutores respecto os viandantes.

Tamén neste ámbito, estase a estudar a implantación dos auxiliares de tráfico. Esta figura, que axuda a regular o tráfico na cidade, xa existe noutras cidades e permitiría implicar a escolares e maiores, "axudando a mellorar a conciencia da sociedade" nesta materia, indicou o edil. As limitacións da velocidade en zonas escolares ou a actuación en puntos negros son outras das medidas para a mellora da seguridade postas en marcha. E para o 2013 anunciou a aplicación dun novo catálogo de sinalización que se está a elaborar.

Outro dos asuntos ao que se referiu Albino Vázquez foi o da peonalización de determinadas rúas, lembrando as experiencias positivas realizadas no Ensanche. Destacou a importancia da peonalización para "cohesionar os barrios" e para lograr un "ámbito urbano máis tranquilo".

Novas ordenanzas
Finalmente, o concelleiro referiuse ás ordenanzas que, no ámbito da mobilidade, foron aprobadas ou están en trámite. É o caso da futura ordenanza de mobilidade e da ordenanza de ocupación da vía pública, na que "apostamos por gañar espazo para os peóns e porque este espazo sexa máis seguro".

En canto á ordenanza de residentes, xa en aplicación, salientou a "priorización do tráfico nativo" que realiza. Tamén no eido do estacionamento, falou da aposta por potenciar os aparcadoiros de borde e das conversas coa xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) para mellorar a accesibilidade e o estacionamento no mesmo.

Compartir: