BENESTAR SOCIAL

Terceira xornada do programa "ACTÍVA-T"

25/05/2012 O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte-SS.SS impartiu a terceira das xornadas que, dentro dos Obradoiros ACTÍVA-T, se están a celebrar todos os mércores en colaboración co Centro Social Albergue Xoán XXIII.

Nesta ocasión, actividade centrouse na reciclaxe do plástico e nas posibilidades de utilización prácticas na nosa vida diaria deste material. Así, tras a formación inicial ofrecida polo equipo, que lles explicou aos participantes en que consiste o proceso de reciclaxe das distintas materias usadas na vida cotiá e como separalas para a súa reutilización, pasouse a parte práctica. Na mesma, os alumnos e alumnas non só aprenderon a crear obxectos decorativos a partir de restos de lixo de plástico, senón que ademais puxeron en práctica a súa capacidade para reinventar e de inverter o seu tempo en algo produtivo.

Ademais, o Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte-SS.SS, aproveitou esta xornada para dar a coñecer aos e ás asistentes as novas propostas dos talleres encadrados no programa ACTÍVA-T que teñen lugar todos os mércores dos meses de maio e xuño dende as 16:30 ás 19:00 horas no Centro Xoán XXIII.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: